Resultados da enquisa do I Foro activIDADE

4/12/2018
  • A nota global da actividade foi de 4,35 sobre 5

Aproveitando a celebración do I Foro activIDADE repartiuse entre as persoas asistentes unha enquisa na que se realizaban doce preguntas relacionadas cos contidos a abordar no foro. Ao finalizar o acto recibimos sesenta e unha enquisas, obtendo datos de corenta e nove.

I Foro activIDADE
O 85,7% das persoas que responderon á enquisa considera que os seus hábitos alimentarios son saudables.

Sobre a frecuencia de consumo de determinados alimentos atopamos que un 48% consume carnes vermellas e produtos de chacinaría entre dous ou tres veces por semana, que un 56% consume carnes brancas e un 46% peixe ou marisco na mesma franxa temporal. Os legumes, por outra banda, son consumidos entre dúas ou tres veces por semana por un 43%, a pasta alcanza o 40% e as patacas un 39%.

As verduras son consumidas diariamente por un 37% dos enquisados e as froitas por un 84% coa mesma regularidade. Lácteos (88%) e pan (94%) son os alimentos que máis persoas consumen diariamente.

En canto aos refrescos ou bebidas similares un 50% afirma non consumilas nunca e un 61% tampouco consume nunca bebidas alcohólicas.

Sobre a cuestión de tempo semanal investido na práctica de exercicio físico atopamos que un 16% inviste menos dunha hora semanal, un 22% entre unha e dúas horas, e un 40% fai deporte entre 3 e 5 horas cada semana. Só un 16% está entre as cinco e sete horas de exercicio semanal, e un 8% supera as sete horas semanais. Á pregunta de se consideran que mediante a práctica diaria de exercicio físico pódese mellorar a calidade de vida, un 98% respondeu ‘Si’, e o 2% restante que ‘Ás veces’.

Sobre cuestións relacionadas coas súas actividades nos tres últimos meses atopamos que un 71% le varias veces por semana, que un 37% participa en actividades lúdicas, un 41% asiste a xornadas ou charlas polo menos unha vez por semana e que un 49% fai deporte semanalmente.

No referente á vida social os resultados afirman que un 39% recibe ou visita ás súas amizades varias veces por semana e, na mesma porcentaxe, o fan polo menos unha vez por semana. Estes números aumentan cando nos centramos no ámbito familiar, un 41% recibe varias veces por semana a algún membro da súa familia e un 45% o fai, polo menos, unha vez á semana. En canto á porcentaxe e frecuencia das visitas ao médico ou ao hospital, un 32% acode polo menos unha vez por semana mentres que, para os tres últimos meses, un 37% afirma que non levou a cabo esta clase de visitas.

Nas preguntas relacionadas coas ‘cidades amigables’ detectamos que o nivel de satisfacción coa cantidade de espazos de lecer é aceptable. Con todo, á pregunta específica de se a cantidade de espazos de lecer para as persoas maiores é suficiente, un 51% considera que é insuficiente fronte a un 33% que opina que actualmente contan con suficientes espazos de lecer.

En canto ao acceso especial para a terceira idade no transporte público, os datos indican que existen grandes diferenzas cun 12% dos enquisados que o consideran moi malo e un 16% moi bo.

A opinión sobre o estado das rúas é, en xeral, negativa, aínda que é positiva sobre o tempo dos semáforos para poder cruzar e moi positiva en canto á peonalización das cidades e dos servizos esenciais accesibles como tendas, bancos ou médicos; neste punto, un 41% a considera moi boa.

Enquisa I Foro activIDADE

En cuestións de novas tecnoloxías e internet preguntamos polo uso de dispositivos electrónicos. Un 59% das persoas que responderon á enquisa ten un ordenador, Pc ou Tablet pero un 66% descoñece que tipo de conexión a internet ten no seu fogar. É evidente que existen ganas de aprender máis sobre novas tecnoloxías xa que un 41% asiste a obradoiros para ampliar os seus coñecementos neste campo.

O 63% posúe un teléfono móbil propio dos cales, nun 35% dos casos, trátase dun Smartphone. O uso que lle dan a este dispositivo é, nun 90% dos casos, para falar con outras persoas, nun 55% para enviar mensaxes ou chamadas de chat (whatsapp), para tomar fotos ou gravar vídeos nun 53%, para buscar información na rede (43%), un 37% das veces para enviar mensaxes de texto e para facer uso das redes sociais, un 33%.

Na pregunta sobre as problemáticas que atopan cando visitan o supermercado vemos que entre os grandes problemas destacan que a letra dos carteis é moi pequena (45%) e que teñen dificultade para entender o etiquetado dos produtos (45%). Un 30% tamén explica que existe dificultade para alcanzar os produtos porque están a unha altura excesiva e un 28% quéixase da falta de claridade na información. Só un 8% refire o espazo nos corredores como un problema e un 6% quéixase da dificultade de acceso ao establecemento.

Cando lles pedimos que valorasen a nova normativa sobre as bolsas de plástico, sendo o un moi mal e o cinco moi ben, atopamos que un 50% optou por puntuala cun cinco, un 14% cun catro, un 16% cun tres e un 15% cun un.

Á pregunta de se algunha vez percibiron trato inxusto por ser unha persoa maior ao acudir á administración, a un servizo público, a un hospital, etc, un 78% contestaron que ‘Non’ pero un 16% afirma o contrario.

Xa para finalizar, a última pregunta era unha valoración do I Foro activIDADE, o un (moi mal) e o cinco (moi ben). A nota global da actividade foi de 4,35 sobre 5, quedando patente a boa acollida deste primeiro foro entre as persoas asistentes.

Deixa unha resposta