UCGAL organiza unha reunión para debater sobre o futuro das estacións de servizo desatendidas

8/09/2017

Xuntanza en Compostela

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) convocou este xoves unha xuntanza con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), da Federación de Asociacións a Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou de Desenvolvemento (FADEMGA Plena inclusión) Galicia, e dos tres sindicatos de traballadores: Comisións Obreiras (CCOO), UGT Galicia e Confederación Intersindical Galega (CIG); para tratar a situación na nosa comunidade autónoma das estacións de servizo desatendidas.

A reunión, celebrada nas dependencias do Consello Económico e Social de Galicia (CES) en Santiago de Compostela, tiña por obxectivo debater sobre as medidas a tomar ante a implantación das estacións de servizo desatendidas en Galicia e as problemáticas que UCGAL, as asociacións de persoas con discapacidade e os sindicatos dos traballadores detectan en referencia a estes espazos.

Son moitas as comunidades autónomas que xa se posicionaron a este respecto ben mediante a inclusión dunha modificación da lexislación de consumo, ben mediante un decreto para que estas instalacións de subministro de combustibles de automoción conten con, polo menos, un empregado ou empregada garantido así o cumprimento dos principios de calidade, seguridade e igualdade ós que tódolos cidadáns teñen dereito.

Entre as conclusións máis importantes desta primeira reunión destacan a proposta de convidar a participar a máis organizacións e/ou entidades cuxos intereses e consideracións sobre este tema concorden cos que defenden UCGAL, Cogami, FADEMGA Plena Inclusión, CCOO UGT e CIG; e a necesidade de solicitar unha reunión co actual conselleiro de Economía, Emprego e Industria, para trasladarlle as súas preocupacións sobre estes espazos; a súa oposición a uns establecementos que non garanten os dereitos das persoas consumidoras, así como o feito de que as entidades hoxe reunidas nos desbotan a posibilidade de impulsar unha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular).

Deixa unha resposta