Consideracións sobre a revenda de entradas

9/03/2018

Como xa adiantamos a semana pasada, varias persoas puxéronse en contacto con esta asociación a través das redes sociais para manifestar as súas dúbidas e descontento coa venda de entradas do Festival ‘O Son do Camiño’. Unha das cuestións tiña relación coa revenda de entradas. Así que consideramos necesario despexar as dúbidas sobre a normativa existente no que respecta a esta cuestión.

No territorio español a lei que regula a revenda data do ano 1982 e está directamente relacionada co Mundial de Fútbol, trátase do Regulamento Xeral de Policía de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas que no artigo 67.2 establece que:

Queda terminantemente prohibida la venta y la reventa callejera o ambulante de localidades. Al infractor, además del decomiso de las localidades, se le impondrá una multa, especialmente si se tratara de revendedor habitual o reincidente, con arreglo a lo dispuesto en los artículos 81 y siguientes de este Reglamento.

A norma é antiga e o avance tecnolóxico superouna fai tempo, naquel momento ninguén prevía a existencia da Internet. Por culpa desta lei fosilizada existe un limbo legal que favorece a existencia de empresas de revenda online de entradas como Viagogo. E por riba, estas webs procuran ter o domicilio fiscal fóra de España porque así, de xurdir unha reclamación, é máis complicado darlle recorrido.

Malia todo, algunhas Comunidades Autónomas artellaron normativas posteriores. En Galicia acabamos de estrear a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas que ten como principal obxectivo dotar dun marco normativo actual ó ámbito dos espectáculos públicos que garanta a máxima seguridade tanto das persoas como dos bens. Esta lei estipula os requisitos esixidos tanto para grandes eventos como para verbenas e festas populares; e establece a prohibición de revenda de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico, estipulando esta infracción como grave con multas que poden acadar os 30.000 euros.

Os puntos 4 e 5 do artigo 18 son bastante claros:

4. Prohíbese a revenda de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico.

5. Para estes efectos, enténdese por revenda de entradas a venda das adquiridas coa finalidade de obter beneficio económico. En todo caso, entenderase que existe esta finalidade cando o prezo de revenda sexa superior ao de adquisición. Non se entenderá como revenda a venda comisionada, efectuada logo da cesión acreditada por parte do/a organizador/a do espectáculo público ou da actividade recreativa e que sexa efectuada polo/a cesionario/a polo prezo e nos lugares indicados na publicidade.

Así que a revenda é ilegal e as persoas consumidoras que opten por esta vía para poder asistir a algún evento expóñense non só a sobrecustes nos prezos senón á total desprotección no ámbito do consumo, non terán opción de reclamar se nalgún punto os seus dereitos son vulnerados. Ademais esta práctica non só prexudica ás persoas consumidoras senón tamén ós promotores e ós músicos.

Deixa unha resposta