Ryanair idea novas fórmulas de espremer ós consumidores

17/01/2018

Ryanair equixeRyanair anunciou o pasado mes de setembro unha modificación das condicións e tarifas en materia de equipaxe que se faría efectiva a partir do 15 de xaneiro de 2018.

UCGAL considera esta medida orientada, segundo explica a aeroliña, a mellorar a comodidade e puntualidade do servizo outra fórmula para espremer ó usuario. A comodidade e puntualidade que Ryanair quere mellorar volverían a verse comprometidas no momento no que o número de viaxeiros que opte por levar dous vultos en cabina comece a aumentar. Os problemas que queren pulir hoxe, reproduciríanse no futuro e os usuarios estarían a pagar máis por unhas situacións (incomodidade, atrasos) que agora padecen gratis.

Aínda que o realmente preocupante é o descaro co que estas novas condicións da aeroliña vulneran o artigo noventa e sete da Lei de Navegación Aérea que establece o seguinte:

O transportista estará obrigado a transportar xuntamente cos viaxeiros, e dentro do prezo do billete, a equipaxe cos límites de peso, independentemente do número de vultos, e volume que fixen os Regulamentos.

O exceso será obxecto de estipulación especial.

Non se considerará equipaxe a este efecto os obxectos e vultos de man que o viaxeiro leve consigo. O transportista estará obrigado a transportar de forma gratuíta en cabina, como equipaxe de man, os obxectos e vultos que o viaxeiro leve consigo, incluídos os artigos adquiridos nas tendas situadas nos aeroportos. Unicamente poderá denegarse o embarque destes obxectos e vultos en atención a razóns de seguridade, vinculadas ao peso ou ao tamaño do obxecto, en relación coas características da aeronave.

Se a lei establece que o viaxeiro non está obrigado a pagar por levar equipaxe de man, por que Ryanair a incumpre limitando o transporte en cabina e obrigando a pagar un suplemento adicional ós pasaxeiros que escollan levar consigo equipaxe de man? Porque consentimos e non reclamamos os nosos dereitos cando se vulneran.

Un dos problemas coas compañías low cost como Ryanair é que os usuarios aturamos que, a maiores da pasaxe de avión, se nos cobre o traslado da equipaxe cando segundo a normativa no prezo do billete vai incluído ese servizo. Por iso, agora atopámonos con situacións como pagar por vulto case tanto como o que pagamos por pasaxeiro. Isto non sucede noutros medios de transporte como o tren ou autobús mais conséntese no aéreo.

Para aqueles pasaxeiros que comprasen o seu billete antes de que Ryanair anunciara o cambio das condicións da súa política de equipaxe de man, recordarlles que poden reclamar por un cambio unilateral das condicións do contrato. Para o resto, poden valorar reclamar considerando que as novas condicións vulneran a normativa estatal e o dereito dos pasaxeiros do transporte aéreo.

Deixa unha resposta