Ryanair deberá indemnizar con case de dous mil euros a dúas socias da UCGAL

5/08/2019
  • Parte da indemnización é polos danos morais derivados do incumprimento horario da aeroliña

Unha sentenza do xulgado da Coruña obriga á liña aérea Ryanair a indemnizar a dúas asociadas da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) con preto de dous mil euros polos danos e prexuízos derivados do atraso de seis horas dun voo da compañía entre Santiago e Madrid. 

Ryanair

O atraso do voo impediu que as socias da UCGAL chegasen a tempo a outro voo que formaba parte dun paquete turístico. Malia que a compañía aérea irlandesa abonou a indemnización correspondente pola demora (250 euros) negouse a aceptar ningunha outra responsabilidade derivada do incumprimento do horario establecido de voo. Desde a perspectiva desta asociación, Ryanair non só tiña que aboar os correspondentes 250 euros senón tamén facerse cargo dos custes derivados da demora e dos danos morais ocasionados pola mesma. 

Para as dúas socias da UCGAL, o atraso de seis horas no voo ocasionou a perda do paquete vacacional que tiñan contratado ao non chegar a destino a tempo, supúxolles pasar dous días en Madrid –cos correspondentes gastos- tentando xestionar coa axencia de viaxes a posibilidade de aproveitar parte do paquete vacacional -algo que resulto imposible-, e tampouco tiveron a posibilidade de anular dito paquete nin dereito á devolución do importe aboado polo mesmo. Por todo o referido, UCGAL reclamoulle a Ryanair os gastos xerados polo atraso e engadiu aos mesmos a contía polos danos morais derivados da perda das vacacións; a cantidade total acercábase aos dous mil euros, unha cifra moi superior aos 250€ por persoa que achegou Ryanair. 

Nun primeiro momento, a aeroliña irlandesa negouse a facerse cargo dos custes reclamados argüíndo que a compañía non está obrigada a garantir enlaces con outros transportes contratados. Ante esta situación, desde a entidade que defende os intereses e dereitos das persoas consumidoras iniciouse un procedemento xudicial en nome das socias afectadas. 

sentenza lograda, firme e contra a que non cabe recurso, establece que “quedan obrigados á indemnización de danos e prexuízos causados os que no cumprimento das súas obrigacións incorresen en dolo, neglixencia ou morosidade,…”. Así que, o atraso de seis horas no voo, incorre no incumprimento da obriga asumida por Ryanair coas persoas usuarias do seu servizo. 

Desde a Unión de Consumidores de Galicia queren recordar ás persoas afectadas por retrasos ou cancelacións de voos que teñen a posibilidade de facer valer os seus dereitos e levar adiante unha reclamación por danos e prexuízos. Nos últimos anos proliferaron os portais web que publicitan servizos de reclamación para situacións semellantes mais para unha persoa consumidora sempre será máis efectivo, económico e transparente realizar a súa reclamación a través da súa asociación de consumidores.

Deixa unha resposta