Sanidade, protección de datos e o caso Volkswagen centran a actualidade da UCGAL no Día dos Consumidores

16/03/2018

A actualidade do caso Volkswagen en Portugal podería afectar ós consumidores galegos

Este 15 de marzo celebrouse o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o lema da campaña deste ano tivo como centro os mercados dixitais dada a grande expansión que tiveron nos últimos anos e os desafíos que representan tanto para as persoas consumidoras como para as entidades que velan polos seus dereitos.

Nesta data tan sinalada, UCGAL quere poñer o foco en tres cuestións cuxos efectos sobre o conxunto dos galegos e galegas está por determinar pero que xa teñen impacto na nosa comunidade autónoma.

Privacidade e protección de datos

Na contorna dixital as relacións entre as liberdades e a seguridade; e as estratexias comerciais e de xestión non están exentas de tensións, UCGAL considera que os grandes retos que afrontan as persoas consumidoras na era dixital están relacionados coa xestión e salvagarda da privacidade e a protección dos datos de carácter persoal. Por este motivo impulsou en colaboración coa Asociación de Internautas e a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (ADECES) a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital – PSPD, unha plataforma interasociativa de carácter aberto, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital.

A actualidade do caso Volkswagen

Seguimos pendentes da evolución do caso, para esta asociación resulta escandalosa a inoperancia das autoridades estatais á hora de protexer os intereses das persoas consumidoras propietarias dun vehículo do grupo alemán que conte co software que altera as emisións de NOx.

A tenor das noticias publicadas recentemente sobre a situación dos vehículos co mesmo problema matriculados en Portugal e a obrigatoriedade de acudir a realizar a intervención nese país, UCGAL considera que este cambio na normativa do país veciño pode ter impacto nos consumidores que viaxen a Portugal cun vehículo que non se sometera á revisión proposta pola marca. Esta situación xera dúbidas e a UCGAL considera que a administración debería facer as pertinentes averiguacións para valorar o alcance e consecuencias desta medida nos consumidores galegos .

Consello Galego de Saúde

Un dos eidos onde UCGAL desenvolve accións e no que traballa para dar visibilidade ás reivindicacións das persoas consumidoras e usuarias é o da sanidade. Por iso, asiste con crecente preocupación ós movementos lexislativos que crean incerteza sobre o acceso das asociacións de consumidores ós espazos, ámbitos e foros de decisión nos que defenden e velan polos dereitos das galegas e galegos.

As modificacións previstas na Lei Galega de Saúde eliminan do texto a garantía de participación das organizacións de consumidores no Consello Galego de Saúde. Á espera do posterior desenvolvemento, a redacción é tan vaga que a esta entidade lle preocupa que a lei non recolla expresamente, como o facía ata agora, a participación das asociacións de consumidores, axentes sociais representativos que serven de canle das reivindicacións do conxunto da cidadanía.

Deixa unha resposta