Santa Lucía tarda ata tres meses en facerse cargo dunha avaría

1/07/2019
  • A clienta da aseguradora tiña contratada unha póliza que cubría o sinistro ocorrido na súa vivenda

Obras

Tres meses. Ese foi o tempo que tivo que agardar unha socia da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) a que a súa compañía de seguros se ocupase dun sinistro na súa casa.

A afectada localizou na parte baixa da súa vivenda varios puntos que estaban a zumegar auga e puxo a situación en coñecemento da aseguradora Santa Lucía, coa que ten contratado un seguro de fogar. Trala recepción do aviso a compañía desprazou un perito para avaliar os danos e, días despois, tamén a unha empresa de albanelería. Os operarios levantaron as baldosas do chan para buscar a orixe da filtración e, posteriormente, selaron con cemento os buracos, ao non atopala.

Tras estas intervencións, cesan as notificacións desde Santa Lucía, sendo a empresa de albanelería a única que se pon en contacto coa afectada para explicarlle que a tardanza na restitución dos azulexos danados débese á dificultade de atopar uns iguais.

Transcorridos tres meses, esta asociación de consumidores interpela a Santa Lucía para solicitar as conclusións do perito e da empresa de albanelería sobre a orixe da filtración, aspecto nunca resolto pola aseguradora. Así mesmo, solicitouse a reposición estética dos elementos prexudicados, ofrecendo como alternativa o emprego dunha baldosa diferente á orixinal sempre e cando se colocase en toda a estancia afectada polo sinistro.

A intervención desta entidade, trala demora inxustificada da compañía, posibilita unha resposta por parte de Santa Lucía que se compromete a facerse cargo dos custes da reparación estética pola cantidade fixada na póliza contratada.

Para a UCGAL a despreocupación mostrada por Santa Lucía ante os requirimentos dunha beneficiaria dos seus servizos resalta o escaso compromiso da aseguradora á hora de cumprir cos contratos establecidos.

Deixa unha resposta