Santiago acolle un foro sobre alimentación saudable e envellecemento activo

19/11/2018
  • Se darán a coñecer accións e iniciativas dirixidas a aumentar o benestar, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores

Programa do Foro (1)

O mércores 21 de novembro a Cidade da Cultura acollerá o I Foro activIDADE: alimentación e envellecemento activo. Organizado pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e Mercadona, o foro busca ser un espazo de encontro no que conflúan persoas expertas, axentes sociais, entidades e iniciativas para compartir os seus puntos de vista sobre a alimentación, os hábitos de vida saudable e o envellecemento activo.

O foro está estruturado en diferentes bloques que darán voz tanto á administración pública como a entidades que están a traballar en iniciativas dirixidas á terceira idade, persoal investigador, o sector da distribución e, por suposto, os protagonistas deste evento: as persoas maiores.

O primeiro bloque é unha mesa redonda na que representantes de diversas entidades e da administración abordarán experiencias e boas prácticas na nutrición para unha vida san. Nesta mesa participan José Carlos Millán Calenti, director do grupo de investigación en xerontoloxía da Universidade de A Coruña; Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación; Mª José Fares, psicóloga na Área de Proxectos de ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos); Andrés Vázquez, director da Área de Benestar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e Lara Rodríguez, responsable de proxectos de innovación do Clúster Alimentario de Galicia.

O segundo bloque abordará, a través de cinco intervencións breves, diferentes temas de interese para este colectivo como as novas tecnoloxías ou a Rede Española de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores pasando polo proxecto Saúde Constante de Cruz Vermella ou a innovación aplicada á alimentación saudable e ao sector da distribución, en colaboración coas persoas consumidoras. As persoas relatoras deste bloque son profesionais de diferentes ámbitos como Marcus Fernández, responsable do diario tecnolóxico Código Cero; Concha Fernández, Concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela; María González, dietista-nutricionista do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS; Clara Medina, Directora de Relacións con Asociacións de Consumidores de Mercadona e Loreto Somoza, coordinadora autonómica de Programas de Maiores de Cruz Vermella de Galicia.

Expositores

Este foro tamén servirá para dar a coñecer iniciativas específicas que traballan en aumentar o benestar, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores; así como para achegar información sobre o traballo das entidades participantes que fomentan o envellecemento activo e os hábitos de vida saudables como a mellor ferramenta para previr situacións de dependencia.

A celebración deste foro enmarcase dentro das actuacións da UCGAL destinadas ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde e a adopción de hábitos saudables para contribuír á consecución dunha vida activa, independente e segura para o colectivo das persoas maiores.

Programa do Foro (2)

Deixa unha resposta