Os seguros de vida para mulleres explotan o medo ó cancro para captar clientas

27/09/2018

Lazo Rosa

  • Poden ser seguros moi caros para as coberturas que ofrecen realmente

As persoas socias da Unión de Consumidores de Galicia gozan de varias vantaxes, entre elas, o asesoramento con carácter previo á sinatura de contratos de consumo, un servizo que axuda a resolver e comprender as dúbidas que poden xurdir, por exemplo, á hora de asinar unha hipoteca ou un seguro.

Esta semana, unha asociada da UCGAL acudiu á entidade para examinar en detalle o contrato dun seguro de vida exclusivo para mulleres, formato que está a proliferar nos últimos anos e que basea o seu éxito na protección ante enfermidades como o cancro de mama ou de útero.

Para verificar que o que asinaba era efectivamente o que lle prometeran na entidade que vendía o seguro, UCGAL revisou a póliza e atopou unha enorme desproporción entre as actualizacións das primas a pagar pola persoa asegurada e o capital asegurado. Por exemplo, se a primeira prima é de 300 euros en doce anos sería tres veces máis cara e en vinte anos, dez. O que converte un seguro, a priori, economicamente apetecible nun demasiado caro para as coberturas que oferta.

En canto ó gancho publicitario deste produto, a cobertura dos diferentes tipos de cancro que afectan ás mulleres, a letra pequena contaba outra historia. O seguro atrae ás potenciais clientas con protección económica ante os cancros de maior incidencia nas mulleres pero na práctica reduce á mínima expresión as posibilidades de acceder ó capital económico en caso dunha enfermidade destas características. En primeiro lugar a indemnización resultaba irrisoria comparada coa prima que unha asegurada podería acabar pagando e mais tendo en conta que a indemnización non se revaloriza cos anos. En segundo lugar, as cláusulas de exclusión da póliza excluían os tumores benignos e os “potencialmente pouco malignos”, sen especificar quen determina a malignidade dun tumor e en base a que baremos. Por exemplo, unha muller con este seguro podería estar pagando durante anos as primas e, chegado o momento, non percibir indemnización algunha malia ter un cancro de mama. E en terceiro lugar, só aplicaba a cobertura a cancros na primeira fase de detección, unha particularidade que diminúe notablemente as posibilidades de chegar a percibir a indemnización.

Esta entidade recomenda a aquelas mulleres que consideren optar por un seguro de vida destas características que consulten con calma a póliza, que se informen en detalle das coberturas que ofrece poñendo especial atención nas cláusulas de exclusión, e que valoren se as primas son acordes á súa realidade económica e consecuentes no seu incremento conforme pasen os anos.

Deixa unha resposta