Máis dun mes sen teléfono e Internet pola incompetencia de Jazztel

3/03/2017
  • O operador non é quen de cumprir cos mínimos estándares de calidade esixibles en canto á prestación de servizos

TeléfonoDe kafkiana definimos a situación pola que está a pasar unha das nosas asociadas por culpa da incompetencia de Jazztel, operador incapaz de dar resposta axeitada a unha cuestión tan común como a portabilidade dunha liña.

No mes de xaneiro, esta asociada solicitou unha portabilidade de liña a Orange que, debido a erros internos deste operador, nunca chegou a realizarse debidamente polo que foi cancelada pola propia compañía.

O 1 de febreiro acepta unha contraoferta de Jazztel para manter a liña con eles pero, desde entón, non dispón nin de teléfono nin de Internet. Durante ese mes púxose varias veces en contacto co departamento de atención ó cliente de Jazztel pero a compañía foi incapaz de resolver a incidencia; nin tan sequera foron quen de explicar por que motivos non operaba a súa liña.

Nunha última tentativa de subsanar unha problemática creada polo propio operador, o 21 de febreiro técnicos da UCGAL pasan máis dunha hora ó teléfono co servizo de atención ó cliente de Jazztel. O operador indicou que o mellor sería facer unha nova contratación de alta de liña que estaría operativa nun prazo máximo de sete días. Lamentablemente, a nosa asociada segue sen servizo.

Xa sexa por incompetencia ou por desidia, Jazztel está a incumprir a Lei Galega de Defensa do Consumidor que establece que o prazo de resposta a unha reclamación en servizos de carácter continuado é de dúas horas cando a incidencia se relacione coa continuidade de dito servizo.

A Unión de Consumidores de Galicia trasladará estes feitos a administración de consumo, solicitando a apertura de expediente sancionador a Jazztel por infrinxir a normativa en materia de defensa do consumidor. Non estaría demais que o operador fixese unha aposta decidida pola mellora do seu servizo de atención ó cliente e de resolución de incidencias.

Deixa unha resposta