Máis de 200 persoas participaron nos talleres sobre a factura eléctrica organizados por UCGAL

17/12/2018
  • Os/as técnicos/as constataron que o bono social segue a ser un gran descoñecido

Taller en Cuntis

Un total de 225 persoas participaron nos talleres gratuítos sobre a factura eléctrica ‘E ti, canto aforras na factura da luz?’ impartidos pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) durante o pasado novembro. Estas actividades estaban patrocinadas polo programa ‘Dálle luz a túa factura’ dependente da Xunta de Galicia a través do IGCC (Instituto Galego do Consumo e da Competencia).

Os talleres formativos leváronse a cabo en doce localidades ao longo de todo o mes, os técnicos e técnicas da UCGAL visitaron Beade, O Carballiño, Cuntis, Moaña, Lugo, Muxía, Domaio, O Barco de Valdeorras, O Hío, Ribadeo, Santa Comba e Vilaboa.

A asociación organizou estes talleres formativos co fin de resolver as dúbidas sobre a factura e a subministración eléctrica das persoas consumidoras. UCGAL leva anos achegando información neste eido e percorrendo a xeografía da nosa comunidade autónoma co obxectivo de mellorar e ampliar o coñecemento da cidadanía sobre este particular. A normativa complexa, a terminoloxía, os cambios constantes no sector, as distintas modalidades de contratación, o novo bono social, así como as diferenzas entre o mercado regulado e o libre son algunhas das cuestións que xeran confusión nas persoas consumidoras, existindo moitas dificultades para interpretar cuestións tan simples como coñecer con que compañía contratamos a electricidade.

As persoas asistentes tiveron ocasión de coñecer os conceptos sobre os elementos que conforman a factura da electricidade, especialmente sobre aqueles aspectos que permiten aforrar na factura da luz como son a potencia, a tarifa contratada, o mercado, o bono social e o tícket electrónico. O bono social eléctrico foi unha das cuestións que máis preguntas e debate xerou nos talleres xa que moitas das persoas asistentes descoñecían o novo mecanismo ou, directamente, non sabían da existencia deste desconto.

Deixa unha resposta