UCGAL valora a situación do taxi e os VTC en Galicia

27/01/2019

taxis

  • A actual normativa galega fai compatible a convivencia de ámbolos dous servizos

En Galicia tanto o sector do taxi como o do VTC (Vehículos de Transporte con Condutor) están regulados por un decreto do pasado ano. En virtude desa regulación esta entidade entende que estamos ante dúas actividades ben diferenciadas e que a actual normativa galega fai compatible a convivencia de ámbolos dous servizos.

UCGAL considera que limitar as opcións de mobilidade das persoas consumidoras a un só tipo de servizo (taxi) negando e/ou limitando a competencia o único que propiciou foi que o sector do taxi, por unha banda, fose acumulando carencias á hora de dar servizo e pola outra, paradoxicamente, aumentase as súas tarifas ata converterse nun produto non asumible para moitas persoas.

Malia o restritiva que resulta a normativa para as VTC na nosa comunidade, a realidade é que esta modalidade de servizo constitúe unha solución complementaría para as persoas consumidoras no eido da mobilidade, podendo engadir elementos que se conforman como un plus do servizo.

Nun informe comparativo sobre as tarifas do taxi en Galicia publicado por UCGAL en 2012, que recollía datos de 41 concellos de máis de 14.000 habitantes, constatouse unha problemática na estrutura tarifaria do sector: non era homoxénea, existindo disparidade de prezos polos mesmos servizos en diferentes concellos, algo que aumentaba a desigualdade de acceso ao servizo entre os cidadáns galegos. Este é un dos múltiples problemas dun sector que precisa unha urxente remodelación para adaptarse non só á realidade económica dos galegos e galegas, senón tamén as súas necesidades en materia de mobilidade.

UCGAL estima que a competencia real e efectiva redunda nunha mellora dos servizos e nun aumento da calidade, entendendo a competencia como un elemento positivo dentro dos procesos de liberalización do mercado. No que se refire ao taxi e aos VTC, o proceso de liberalización e de libre competencia debe vir acompañado dun marco normativo que ofreza garantías ás persoas consumidoras e no que tódolos operadores exerzan a súa actividade en virtude das mesmas bases reguladoras.

Con todo, desde esta entidade avogan por traballar a prol dun transporte público e colectivo eficaz que sexa economicamente sostible e asumible para o conxunto da cidadanía galega. Un servizo que teña en consideración realidades sociais como a exclusión financeira e sanitaria na que viven milleiros de persoas na nosa comunidade e que lles obriga a desprazarse fóra dos seus concellos para acceder a servizos básicos, e tamén incida positivamente en cuestións como o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade.

Deixa unha resposta