A xunta directiva da UCGAL foi recibida polo alcalde de Santiago co galo do trinta aniversario da entidade

3/10/2018
  • UCGAL fundouse en Compostela en outubro de 1988

Recepción no concello

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado pola concelleira de Igualdade, Turismo e Promoción Económica, Marta Lois,e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, recibiu este mediodía a membros da xunta directiva e do persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia, entidade que durante este mes de outubro celebra o seu trinta aniversario. Ao acto asistiron tamén os representantes do PSOE, Gonzalo Muíños Sánchez, e do PP, Alejandro Sánchez-Brunete.

Durante o encontro, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, presentou ó alcalde aos integrantes da directiva e do equipo técnico da entidade; e fixo entrega dun agasallo consistente en camisetas e bandas deseñadas da familia ‘Os Benfeito’, ferramenta de comunicación que acompaña moitas das campañas informativas da UCGAL.

A reunión tamén serviu para repasar a traxectoria da asociación durante estas tres décadas e para presentar os proxectos nos que está a traballar actualmente.  Así mesmo, os responsables da UCGAL trasladaron ó alcalde a petición de abordar a posibilidade de colaboración do Concello nas futuras accións informativas e divulgativas que a entidade planea levar a cabo en Santiago.

Trinta anos de traxectoria

Momento da recepción

A Unión de Consumidores de Galicia fundouse en Santiago de Compostela en 1988 e actualmente conta con preto de mil persoas socias neste concello. UCGAL é unha das entidades máis representativas do eido do consumo na nosa comunidade autónoma, non só leva anos participando activamente no proceso de elaboración de disposicións normativas que afectan ás persoas consumidoras galegas senón que tamén conta con representación en diversos órganos consultivos de Galicia.

Así mesmo, durante os seus trinta anos de existencia levou a cabo numerosas publicacións, impartiu miles de obradoiros e talleres formativos, e afrontou os diferentes desafíos que afectaron ás persoas consumidoras, velando sempre polos seus dereitos e intereses.


Foto 1: A imaxe pertence á web do Concello de Santiago.

Deixa unha resposta