UCGAL alerta sobre os perigos dalgunhas ofertas de entidades eléctricas e financeiras e denuncia as dificultades para recuperar o diñeiro das viaxes combinadas

5/05/2020
  • A Unión de Consumidores de Galicia mantén o seu servizo de atención ás persoas consumidoras de forma telemática

Desde a declaración do estado de alarma pola pandemia do coronavirus son varias as medidas que se están a tomar nas relacións de consumo para adaptalas á actual situación. A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) continúa a traballar para manter informadas ás persoas consumidoras e pon a lupa sobre aquelas actuacións que ameazan os seus dereitos.

documento

Aprazamento de facturas eléctricas

Ante a paralización dunha gran parte da actividade económica do país, as solicitudes de aprazamento do pago de servizos básicos, como a electricidade, ocupan unha porcentaxe importante das demandas que chegan á UCGAL. Algunhas eléctricas fixéronse eco desta preocupación e ofrecen a posibilidade de adiar e fraccionar o cobro das facturas. Hai casos nos que a opción de retrasar o pago dos recibos só llela presentan aos clientes que pertencen ao mercado libre, quedando excluídos os do mercado regulado.

Desde esta asociación mostran a súa preocupación por este tipo de ofertas que fomentan o cambio, de forma oculta, do mercado regulado, máis barato para os consumidores domésticos, ao libre. Segundo os últimos datos do Panel de Fogares CNMC sobre electricidade e gas, elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, o 64% e o 70% dos fogares españois descoñecen en que mercado teñen contratado a subministración de luz e gas natural, respectivamente.

Ante isto, UCGAL esíxelle ás eléctricas informar debidamente á súa clientela sobre as condicións de cada oferta e non aproveitarse da situación de crise que están a vivir.

Redución dos intereses das tarxetas de crédito e revolving

En relación ás finanzas apróbase, ademais da moratoria hipotecaria para as persoas en situación de vulnerabilidade, o aprazamento das cotas dos créditos ao consumo durante tres meses, segundo recolle o Real Decreto 11/2020 do 31 de marzo. Un retardo que non supón un incremento dos xuros.

Ademais, algunhas entidades financeiras, que xestionan tarxetas de crédito e revolving, tamén poñen en marcha actuacións en beneficio da súa clientela, a priori. Este tipo de tarxetas permiten devolver o crédito a prazos mediante o pago de cotas periódicas que varían en función das cantidades dispostas. O perigo das tarxetas revolving radica en que con cada cota pagada o crédito dispoñible volve reconstituírse e, dependendo do tipo de xuro, pode que nunca se chegue a acabar de amortizar a débeda. Así é que o pasado mes de marzo, o Tribunal Supremo considerou os xuros (do 27%) aplicados a unha tarxeta revolving de “usurarios”, coa consecuente anulación do contrato e a devolución das cantidades abonadas en exceso.

Agora, determinadas entidades financeiras ofertan unha rebaixa nos xuros das tarxetas de crédito e revolving (ata o 21%), unha porcentaxe que se axusta á media do tipo de xuros para estes produtos, segundo informa o Banco de España co obxectivo de evitar un tipo sensiblemente superior. Polo tanto, non están a ofertar ningún beneficio extra.

Para a Unión de Consumidores de Galicia trátase dunha estratexia para disuadir ás persoas consumidoras de reclamar polos xuros usurarios cobrados anteriormente e, por iso, chámaas a seguir defendendo os seus dereitos e non deixarse confundir por este tipo de artimañas.

Recuperación dos cartos das viaxes combinadas

Por mor da COVID-19 están sendo canceladas moitas viaxes combinadas, aquelas nas que se contratan polo menos dous servizos (transporte e aloxamento, por exemplo) de forma conxunta cunha axencia. Seguindo o Real Decreto 11/2020, arriba mencionado, establécese que os viaxeiros e viaxeiras afectados teñen dereito ao reembolso dos cartos que gastaron nesa viaxe ou, como alternativa, a un bono por dita contía cun período de validez dun ano desde o fin do estado de alarma. No caso de non ser consumido, solicitaríase a devolución do seu importe.

Desde UCGAL informan de que algunhas axencias de viaxes non están a cumprir con esta obriga, negándose a devolver o diñeiro, ben sexa porque non contemplan facelo, aínda tratándose dunha causa de forza maior, ou porque os organizadores da viaxe (aeroliñas, hoteis, etc.) non lles reintegran as correspondentes contías. Ademais, consideran que estas empresas deben garantir o goce dos bonos ante a incerteza actual, pois no caso de que botaran o peche, as persoas consumidoras poderían perder a viaxe e, polo tanto, o seu diñeiro.

Servizo de atención de UCGAL

Desde o 12 de marzo, co obxectivo de preservar a saúde dos seus traballadores e traballadoras, persoas asociadas e público en xeral, o servizo de atención da Unión de Consumidores de Galicia é exclusivamente telemático. As consultas pódense realizar a través do teléfono 981 566 411, do correo electrónico info@consumidores.gal e, ademais, as persoas asociadas teñen á súa disposición a sección privada da web.

Deixa unha resposta