UCGAL anima a reclamar contra as ITV para esixir que se teña en conta a data real das revisións.

13/12/2020

UCGAL considera que tras a firmeza do Auto do Tribunal Supremo que suspendía a aplicación do artigo 2 da Orde SND 413/2020, do 15 de maio, as persoas usuarias que xa tiveran pasado a revisión prorrogada poden reclamar ás empresas de ITV que corrixan a data da próxima inspección para que se corresponda co prazo no que efectivamente a realizaron.

No citado Auto do 24 de setembro o TS suspendía a norma dictada polo goberno o pasado mes de maio para prorrogar as ITVs, na que se establecía que a validez da nova revisión se fixara en función da data que constara na tarxeta de inspección e non tomando como referencia o día efectivo no que se realiza a nova inspección. Este sistema implicaba que moitos usuarios e profesionais tiveran que facer un gasto non xustificado así como realizar dúas inspeccións con escasa diferenza de tempo.

O ditame do TS coincide co que tamén realizara o Defensor del Pueblo no que se sinalaba que “carece de sentido acortar artificialmente a vida da última ITV obrigando ao propietarios do vehículo a realizar dúas inspeccións seguidas nun curto lapso de tempo que, nos casos máis extremos (como os vehículos suxeitos a revisión semestral) pode ser de só uns poucos días. Elo xera un custe e unha carga administrativa para os propietarios sen que a Administración puxera de manifesto que concorran razóns imperiosas de interese xeral que xustifiquen o recorte da vida legal das ITV“.

A cuestión que queda agora por resolver é o alcance do Auto xa que logo o Ministerio de Industria trate de burlar a súa aplicación entendendo que só se pode aplicar a aqueles vehiculos que aínda non tiveran pasado a ITV prorrogada (aos que se lles reflictirá a data real de revisión). Sen embargo desde UCGAL consideramos que esta interpretación, unha vez máis, está dirixida a defender os dereitos das empresas e non do conxunto dos cidadáns (algo que o propio TS entendeu cando considerou que nesta materia non concorría ningún interese xeral senón so dous intereses particulares), e por este motivo en defensa da igualdade de todos os consumidores e para evitar un trato discriminatorio anima a estes a reclamar ante as empresas prestadoras do servizo.

itv-desfavorable-201963507-1577093027-3

Cómpre lembrar que a resolución do Alto Tribunal só afecta á Orde 413/2020, do 15 de maio e que non alcanza ao Decreto Ley 26/2020 que establecía outra prórroga de tres meses dos certificados de inspección cuxo vencemento se producira entre o 21 de xuño e o 31 de agosto, xa que logo no sistema xurídico español non se permite solicitar aquel tipo de medidas contra unha norma con rango de lei. Cuestión distinta sería que Industria decidise actuar aplicando o criterio do TS tamén para estas inspeccións, algo que polo de agora non parece probable.

 

Deixa unha resposta