UCGAL aposta pola rehabilitación para mellorar a calidade de vida

26/06/2018

Melloras no fogar

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) está a promover unha campaña informativa e formativa sobre a necesidade de levar a cabo procesos de rehabilitación para gañar calidade de vida. Para acadar este obxectivo, recomenda diversas actuacións destinadas a reducir o consumo enerxético, protexer a intimidade fronte ao ruído, mellorar a seguridade e favorecer a accesibilidade. Todo isto, usando materiais sustentables. Para cada unha destas actuacións, esta asociación ofrece unha serie de motivacións que van desde mellorar o aire a reducir a pobreza enerxética ou a factura pasando pola procura dunha mellor saúde e confort, e a protección da vida e os bens.

UCGAL aposta pola consecución de boa parte deses obxectivos planificando unha rehabilitación intelixente que actúe sobre o illamento de fachadas e cubertas, fiestras, instalacións, etc. Para iso, propón proceder con motivo de calquera reforma que se vaia a realizar: mellorar a fachada, reparar goteiras, cambiar o chan, canalizacións ou nas instalacións.

A visión práctica desta información trasládase tamén ós materiais a empregar. Neste sentido propón o uso de materiais que sexan bos illantes térmicos e acústicos, é dicir, que teñan estrutura flexible e que ao mesmo tempo sexan incombustibles, e que en caso de incendio non produzan pingas nin fumes tóxicos, máxime cando se trate de edificios altos ou pouco accesibles para os corpos de bombeiros.

Recentemente, esta entidade desenvolveu unha campaña entre institucións e diferentes entidades profesionais tendente a mellorar a seguridade pasiva dos edificios a raíz do incendio da Torre de Grenfell.

Por outra banda, UCGAL advirte aos usuarios que algunhas das modernas e eficientes técnicas (cada vez máis empregadas) de rehabilitación de fachadas con illantes ou revestimentos térmicos combustibles, en caso de incendio facilitan a súa propagación.O 58% dos 25 millóns de vivendas, segundo o INE e atendendo ao ano de construción, non teñen ningunha esixencia térmica e un 68% carece de esixencias acústicas. Pero a porcentaxe é do 93%, se tomamos como ano de construción a aprobación do CTE, primeira norma minimamente esixente en ambas materias.

En conclusión, UCGAL avoga polo uso de materiais versátiles, para conseguir o maior número de prestacións ao menor prezo posible, impulsando así unha rehabilitación intelixente, que ademais da rehabilitación térmica non empeore, senón que mellore as prestacións acústicas e de seguridade.

Deixa unha resposta