UCGAL e COGAMA asinan un convenio de colaboración

27/06/2019
  • Trasladaranse as reivindicacións das persoas maiores a aqueles foros nos que os consumidores teñen representatividade

Presidente de COGAMA José Piñeiro e secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia Miguel López Crespo

O pasado martes, 25 de xuño, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu a xornada A cesta da compra a exame. Un encontro, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), artellado en base ao estudo Hábitos de Alimentación, que esta entidade presentou a principios de ano.

Durante a xornada, a UCGAL e a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (COGAMA) subscribiron un convenio de colaboración que será a base dun diálogo permanente entre ámbalas partes e axudará desenvolver programas de comunicación e actuacións conxuntas que redunden na mellora da posición da cidadanía en xeral e dos membros das entidades integradas en COGAMA, en particular.

A sinatura correu a cargo do presidente de COGAMA, José Piñeiro, e do secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo.

Entre os compromisos asumidos pola entidade que dá voz aos consumidores e consumidoras galegos está o de servir de canle e apoio ás reivindicacións da poboación de persoas maiores “levando a súa voz a aqueles foros e espazos nos que UCGAL ten representatividade e presenza”, explicou López Crespo durante o acto de sinatura do convenio.

Así mesmo, esta relación entre UCGAL e COGAMA facilitará o intercambio de información que resulte de mutuo interese o que permitirá desenvolver actividades formativas e/ou informativas especialmente dirixidas aos membros de COGAMA.

Ademais, o convenio estipula a aplicación dun desconto do 20% na cota de socio/a a aquelas persoas membros das entidades integradas en COGAMA que soliciten a súa alta na UCGAL como membros de pleno dereito.

Deixa unha resposta