UCGAL preocupada polos posibles efectos da concentración bancaria en Galicia

8/06/2017
  • As reclamacións por cláusulas chan deben seguir facéndose ó Popular

Banco PopularO Banco Santander anunciou este mércores a compra do 100% do capital social do Banco Popular, unha entidade con máis de catro millóns de clientes en España e cunha forte implantación territorial en Galicia onde da servizo a case setecentos mil clientes.

Evidentemente, os depositantes e accionistas do Popular viven momentos de dúbida e incerteza. Por agora, o Popular seguirá funcionando coas súas oficinas e o seu persoal como filial do Santander. A integración levará un tempo e mentres, a entidade manterase independente co seu propio selo. Así que para os depositantes, o cambio máis inmediato –cando se complete a integración- será o do IBAN da súa conta bancaria. No tocante ós accionistas, UCGAL recomenda que busquen asesoramento e que valoren a opción de reclamar responsabilidades pola mala xestión do Banco Popular.

UCGAL entende que este movemento de concentración dentro do sector bancario -similar ó que sucede no eido das telecomunicacións- é algo que repercutirá negativamente nas persoas consumidoras. A historia recente e a experiencia demostraron que as concentracións e a diminución de competidores dentro dun sector tradúcese na perda de oferta real, na imposibilidade de que exista competencia efectiva e na dificultade para evitar prácticas colusorias.

Debido a ampla implantación territorial do Popular en Galicia, existe a posibilidade de que moitas localidades galegas con oficinas do Banco Popular, do Banco Pastor e do Banco Santander vexan como nos vindeiros meses desaparecen estes espazos das súas rúas. O peche de oficinas xa é unha realidade que afecta ,principalmente, o rural galego. Se no futuro inmediato desaparecen máis oficinas, os galegos e galegas terán que desprazarse a outras localidades para facer os seus trámites bancarios ou que utilizar a banca electrónica, un servizo en liña que non está o alcance de tódolos consumidores de Galicia, unha comunidade autónoma con problemáticas moi específicas no acceso ás novas tecnoloxías.

Reclamacións de cláusulas chan

No tocante ás reclamacións, é importante ter claro que o Banco Popular segue a ser unha entidade independente cuxo accionista maioritario agora é o Banco Santander. Polo tanto, as reclamacións deben presentarse, a lo menos de momento, no Popular porque a entidade segue operando de forma independente e ten personalidade xurídica propia. As persoas que sopesen reclamar por cláusulas chan ó Popular deben facelo agora e non demorar máis o inicio deste trámite.

Deixa unha resposta