UCGAL convoca ós sindicatos agrarios en Compostela

8/06/2016

Á hora de deseñar estratexias para consolidar e estabilizar o sector lácteo en Galicia, a voz dos consumidores non se oe malia seren os destinatarios finais do produto, o último elo da cadea de valor. Os que velamos polos dereitos e intereses das persoas consumidoras non temos posibilidades de plantexar as súas reivindicacións e propostas nas mesas que ditan as liñas de actuación para o futuro.

Desde a Unión de Consumidores de Galicia queremos contribuír ó fin desta situación e por iso, para elaborar unha estratexia de posta en valor do produto na que as persoas consumidoras teñan representatividade, convocamos esta mañá unha reunión con representantes do Sindicato Labrego Galego, de Unións Agrarias e de Xóvenes Agricultores.

Nesta primeira xuntanza, que tivo lugar nas dependencias do Consello Económico e Social de Galicia (CES) en Santiago de Compostela, UCGAL e os representantes dos sindicatos agrarios acordaron a creación dun grupo de traballo para deseñar e implementar actuacións que incidan no eido da formación, da información e o control de mercado. Trátase da primeira experiencia na nosa comunidade autónoma de traballo conxunto entre os extremos da cadea de valor do leite: produtores e consumidores, cansos dos ditados de industria e distribución, e do escaso éxito dos compromisos asumidos por estes sectores.

UCGAL entende que un acordo de colaboración entre os consumidores e representantes dos productores proporciona unha vía de traballo que axudará á posta en valor do produto e á mellora da información que reciben as persoas consumidoras sobre a orixe do leite e a sustentabilidade económica das explotacións.

Cómpre sinalar que esta reunión foi promovida pola Unión de Consumidores de Galicia, unha organización que sempre mostrou a súa mellor disposición a colaborar en solucións á crise do sector lácteo. Tanto é así que mantivo reunións con diferentes grupos de distribución e coa administración pública, nas que presentou propostas e suxestións que implicasen ás persoas consumidoras na revalorización do produto pero que, ata o momento, non foron tomadas en consideración.

Deixa unha resposta