UCGAL alerta dos perigos dos créditos rápidos

24/07/2019
  • Nesta época do ano aumentan as solicitudes deste tipo de préstamos para financiar as vacacións

A taxa de aforro dos fogares españois sitúase en mínimos históricos e representa só o 4,9% da renda bruta das familias, segundo recolle o último Informe de Estabilidade Financeira do Banco de España. Ante a falta de liquidez en épocas de gastos extra como o verán, a demanda dos créditos rápidos aumenta.

Créditos rápidos

Este tipo de préstamos teñen tres características clave: non necesitan de grandes avais para ser aceptados, tramítanse nun período moi curto de tempo -incluso no mesmo día- e teñen un tipo de xuro de máis do 20% e, en casos moi graves, do 1000%. Ademais, é probable que admitan solicitudes de persoas inscritas en rexistros de morosos, o que pode derivar nunha espiral de débedas da que será moi difícil saír. Hai que recordar que este tipo de préstamos non contan cunha regulación legal específica, co cal a norma que se lle aplica é a relativa aos créditos de consumo (Lei 16/2011, de 24 de xuño) que deixa sen protección ás persoas consumidoras cuxos créditos non superen os 199 euros.

Nos últimos tempos estase a observar que os créditos rápidos non só se están a solicitar para facer fronte a pequenos imprevistos ou débedas, senón que tamén se usan para financiar bens e servizos que non son de primeira necesidade, como pode ser financiar un evento (vodas, bautizos, comuñóns) ou viaxar. Unha tendencia preocupante ao tratarse de préstamos con condicións abusivas e non de todo transparentes.

Desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) chaman á precaución á hora de solicitar un crédito destas características e recomendan solicitar sempre toda a información relativa ás condicións do mesmo e gardar unha copia do contrato.

Deixa unha resposta