UCGAL e DECO analizan os dereitos do consumidor turista no foro ‘Turismo sen fronteiras’ en Braga

12/10/2019
  • O secretario de Estado da Defensa do Consumidor, João da Silva Torres, inaugurou a xornada, na que participaron case un centenar de persoas

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Asociación Portuguesa Para a Defensa do Consumidor (DECO) organizaron este venres na cidade de Braga o foro Turismo sen fronteiras: os dereitos dos consumidores. A xornada, celebrada na Biblioteca Lúcio Craveiro Da Silva, tiña como obxectivo analizar o funcionamento do turismo transfronteirizo entre a comunidade galega e o norte de Portugal, así como as problemáticas que afectan aos diversos axentes que nel interveñen.

A directora xeral da DECO, Ana Tapadinhas, e o secretario xeal da UCGAL, Miguel López Crespo.

O foro, que contou con case un centenar de asistentes, abriuse coa mesa redonda Os novos camiños para o turismo transfronteirizo na que participaron a directora xeral da DECO, Ana Tapadinhas; o presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins; o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro Castiñeiras; e o secretario de Estado da Defensa do Consumidor, João da Silva Torres.

FOTO 8

A continuación, Susana Conde, emprendedora e consultora en turismo sostible e ecoturismo e representante para España do Consello Global de Turismo Sostible, puxo enriba da mesa as diferentes problemáticas que envolven ao turismo actual (acceso a vivenda, calidade dos servizos) e as solucións a adoptar para que a actividade turística se desenvolva dun xeito harmonioso para locais, visitantes e medio ambiente.

Nesta liña, integrantes da UCGAL e da DECO comentaron as súas experiencias como turistas na súa viaxe ao norte de Portugal e a Galicia, respectivamente. Un relato no que sinalaron os aspectos positivos e negativos das súas relacións de consumo, desde a operativa das peaxes, o servizo dos locais nos que se aloxaron ou comeron ata a accesibilidade a monumentos e puntos de interese turístico. Rocío Arnoso Moure, directiva da UCGAL, e a xurista da DECO, Lúcia Miranda, tomaron como referencia a lexislación en materia de consumo de ambos os dous territorios para avaliar a viaxe.

De esquerda a dereita, José Antonio García, Miguel López, José Luis Maestro e Cesáreo González.

A mesa O consumidor turista: preocupacións e desafíos reuniu a Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Galicia; José Antonio García Jurjo, presidente da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés; Altino Bessa, concelleiro de Turismo e Defensa do Consumidor da Cámara Municipal de Braga; Rui Marques, director xeral da Asociación Comercial de Braga; e Joaquim Figueiredo, desde a perspectiva dos residentes; para dar conta, desde a súa área de traballo, das demandas e necesidades das persoas consumidoras.

Un instante do foro Turismo sen fronteiras.

Finalmente, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, e a presidenta da delegación de DECO de Miño, Glória Felgueiras, clausuraron a xornada.

“Seguiremos achegando ideas dirixidas á planificación coidada da actividade turística para que o obxectivo da sostibilidade sexa unha realidade”, apuntou López Crespo. Neste sentido, Felgueiras situou a concienciación e a sensibilización como dous dos piares básicos nos que apoiarse para alcanzar tal fin.

Convenio de colaboración

O foro Turismo sen fronteiras: os dereitos dos consumidores enmárcase dentro do convenio de colaboración que a UCGAL e a DECO asinaron o pasado ano para fomentar unhas mellores relacións de consumo entre Galicia e Portugal.

Deixa unha resposta