UCGAL afonda nas problemáticas que afectan ás mulleres galegas en materia de consumo

8/03/2016

De esquerda a dereita: a Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez; a cooperativista de Gaia dos Nenos, Míriam Parada; a asociada da UCGAL, María Dolores Vicente; a Doutora en Química Orgánica, Beatriz Noya; e a xerente da Praza de Abastos, Marta Rey.

No marco das celebracións do Día Internacional da Muller e do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, que se celebra o vindeiro 15 de marzo, a Unión de Consumidores de Galicia reuniu a cinco mulleres para falar, en primeira persoa, de consumo, igualdade e dereitos das persoas consumidoras desde unha perspectiva de xénero.

O resultado destes encontros é unha entrevista na que conflúen temas de actualidade como a chamada taxa rosa ou a influencia das novas tecnoloxías nos hábitos de consumo con vivencias persoais e valoracións sobre a imaxe da muller na publicidade. “Cinco mulleres arredor do consumo” foi posíbel grazas a participación da Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez; da xerente do Mercado de Abastos de Santiago, Marta Rey; da cooperativista de Gaia dos Nenos, Míriam Parada; da Doutora en Química Orgánica, Beatriz Noya e da asociada da UCGAL, María Dolores Vicente.

Con esta experiencia, a UCGAL quere dar voz ás problemáticas que afectan ás mulleres en materia de consumo consciente de que hai cuestións que tenden a pasar desapercibidas para o conxunto da cidadanía. Esta asociación considera un dos seus obxectivos fundamentais avanzar cara unha sociedade onde as relacións de mercado sexan máis igualitarias e na que non teña cabida a discriminación por xénero.

Ler Cinco mulleres arredor do consumo

Deixa unha resposta