UCGAL e DECO colaborarán para afrontar os retos nas relacións de consumo transfronteirizo

12/07/2018

Sinatur convenio

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia vén de asinar esta mañá un convenio de colaboración transfronteirizo coa asociación lusa Defesa do Consumidor (DECO) a través do cal as dúas entidades colaborarán no fomento dunhas mellores relacións de consumo entre Galicia e Portugal. O convenio foi asinado na sede do Consello Económico e Social de Galicia polo secretario xeral da UCGAL, Miguel López, e a Directora Xeral da DECO, Ana Tapadinhas. A presentación do acto correu a cargo da presidenta do CES- Galicia, Corina Porro.

Tras agradecer a presenza das autoridades e a hospitalidade do Consello Económico e Social de Galicia, o secretario xeral da UCGAL explicou que este acordo “nace como resposta ó continuo contacto e intercambio entre dous territorios no que diariamente se establecen relacións de consumo e no que as persoas consumidoras necesitan puntos de encontro e referencia ante as dúbidas e problemáticas que lles poidan xurdir a un e outro lado da raia”.

Intres antes da firma, a Directora Xeral da DECO, Ana Tapadinhas, debullou a traxectoria da DECO sinalando a importancia da sinatura deste convenio de colaboración, “o primeiro que DECO establece cunha asociación de consumidores galega nos seus corenta anos de historia”.

López Crespo aseverou que no marco deste convenio “ambas entidades desenvolverán programas de comunicación e actuacións conxuntas que redunden na mellora da posición dos cidadáns portugueses e galegos, no seu rol de persoas consumidoras e usuarias”. Neste sentido, ambas entidades apuntaron a importancia que supón a colaboración entre asociacións de consumidores que existen en espazos comúns e que teñen entre os seus fins e obxectivos a axeitada información e formación dos cidadáns no eido do consumo e dos servizos públicos.

O convenio establece que UCGAL e DECO prestarán servizos ás persoas socias da outra entidade relacionados co asesoramento, a información e a asistencia para o exercicio dos dereitos que lles corresponden como persoas consumidoras. Ambos organismos asumen o compromiso de asistencia mutua nos procesos de reclamación iniciados no seu territorio por unha persoa asociada á outra entidade.

Ademais, o convenio permitirá a realización conxunta de campañas de información e sensibilización e de estudos, a mutua prestación de servizos de asesoramento en relación cos dereitos e obrigas das persoas consumidoras e usuarios; e o intercambio de experiencias e coñecementos e o apoio mutuo para a consecución dos obxectivos e reivindicacións comúns de ambas as dúas entidades.

Un dos primeiros retos que abordarán ámbalas entidades será o deseño dun mecanismo transfronteirizo de resolución extraxudicial de conflitos.

Deixa unha resposta