UCGAL e Mercadona reúnen no faladoiro ‘Diálogos de plástico’ a Xosé Antonio Touriñán e Jesús Gago

13/11/2019
  • O presentador de ‘Efervesciencia’, Manuel Vicente, conducirá a conversa
  • A actividade, de entrada libre, celebrarase o 21 de novembro na Sede Afundación en Santiago

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Mercadona organizan, no marco do convenio de colaboración que ámbalas dúas entidades manteñen desde hai anos, un faladoiro no que se reflexionará sobre a problemática dos plásticos combinando ciencia e humor. A reunión, titulada Diálogos de plástico, contará con Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía e experto en lixo mariño, e Xosé Antonio Touriñán, actor e humorista, e será conducida polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega.

CARTEL DIALOGOS DE PLASTICO JPG

O obxectivo desta actividade é abordar o impacto que teñen os plásticos na vida cotiá das persoas e fomentar a educación ambiental e científica. Debaterase sobre a presenza deste material no sector da alimentación e as alternativas que están xurdindo nese eido, a prohibición de utilizar microplásticos en produtos cosméticos ou a taxa que se lle aplica aos plásticos dun só uso. Temas que serán tratados dunha forma entretida e rigurosa, chamando á participación do auditorio.

Para iso, os organizadores volverán contar unha vez máis coa complicidade de Xosé Antonio Touriñán que fará un oco na súa apertada axenda para participar nesta actividade. Unha conversa na que o estudoso Jesús Gago e o humorista poñerán enriba da mesa datos, retos e reflexións en materia de consumo e medio ambiente, cada un desde a súa óptica. Configurando así, un faladoiro de linguaxe coloquial artellado sobre a cotiandade e no que a risa estará asegurada.

Diálogos de plástico celebrarase o vindeiro xoves 21 de novembro, de 20:00 a 21:00 horas na Sede Afundación en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19). A entrada será libre ata completar a capacidade do salón. Ademais, o coloquio será gravado e emitirase no programa Efervesciencia do próximo mércores 27 de novembro.

A actividade enmárcase no compromiso que a UCGAL e Mercadona adquiren coa defensa e difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Para a súa posta en marcha contan coa colaboración do programa Efervesciencia da Radio Galega e o Instituto Español de Oceanografía.

Deixa unha resposta