UCGAL e Mercadona poñen de manifesto a necesidade de “contribuír ao cumprimento dos ODS desde a nosa casa”

20/02/2020
  • A exposición ‘Os Benfeito e os ODS’ pode visitarse ata o día 23 no Centro Cívico San Diego
  • No acto de presentación da mostra, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia e Mercadona, participou a concelleira Eva Martínez e a técnica Lidia Blanco

Este xoves presentouse na cidade da Coruña a exposición Os Benfeito e os ODS, unha mostra organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Mercadona. Ao acto, celebrado no Centro Cívico San Diego, asistiu o secretario xeral da asociación, Miguel López, a directora de relacións externas de Mercadona en Galicia, Asturias e Cantabria, Carmen Fernández, a concelleira de Industria, Innovación, Comercio e Consumo, Eva Martínez, e a técnica superior de Consumo da OMIC, Lidia Blanco.

Presentación Os Benfeito e os ODS na Coruña 2

A exposición ten por obxectivo divulgar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) entre os veciños e as veciñas da Coruña, de aí que o espazo elixido para acollela fora un centro cívico. “A sensación que tiñamos é que aos consumidores os ODS resultábanlle un tanto afastados cando, en realidade, a nivel particular, nas nosas casas, tamén podemos contribuír ao seu cumprimento”, apuntou Miguel López.

“O que intentamos con esta exposición é facer fincapé en oito dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, desde o aforro enerxético e da auga, o consumo responsable, a planificación das compras ou o desperdicio alimentario”, explicou o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia. Cuestións que poñen de manifesto a necesidade de apostar por “unha cultura da reparación e do aproveitamento”.

Os Benfeito e os ODS na Coruña 2

Nesta liña, a concelleira Eva Martínez subliñou o compromiso do Concello da Coruña coa sostibilidade e o consumo responsable “traballando de forma transversal desde todas as concellerías”. Pola súa banda, a técnica Lidia Blanco puxo o foco no traballo conxunto de todas as administracións de consumo na difusión e defensa destes dous asuntos.

En última instancia, desde a UCGAL instouse á sociedade galega a comprometerse co coidado do medio ambiente e a facer valer os seus dereitos como persoas consumidoras “ante as administracións competentes”. “O consumidor galego debe entender que para que un problema se poida solucionar ten que chegar a onde ten que chegar”, afirmou López.

Presentación Os Benfeito e os ODS na Coruña 3

A mostra Os Benfeito e os ODS deuse a coñecer por primeira vez o pasado mes de decembro en Ourense e leva exposta no Centro Cívico San Diego desde o 4 de febreiro e poderá visitarse ata o vindeiro día 23. Trátase dunha actividade desenvolvida pola UCGAL e Mercadona no marco dun acordo de colaboración que ámbalas dúas entidades manteñen a prol da difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a concienciación da cidadanía sobre os mesmos.

A familia Benfeito

A mostra está composta por oito ilustracións, elaboradas polo debuxante Marcos García Rodríguez e protagonizadas pola familia Benfeito. Os Benfeito é unha ferramenta deseñada pola UCGAL para a transmisión de mensaxes que desde a asociación, por si mesma ou en colaboración con outras entidades, se lle queren achegar á sociedade, atendendo sempre á diversidade do público.

Deixa unha resposta