UCGAL báixase da Plataforma pola regulación das vivendas de uso turístico en Galicia pola súa falta de firmeza na defensa do dereito á vivenda

3/03/2020
  • A Unión de Consumidores de Galicia estima que o colectivo non puxo enriba da mesa a preocupación social pola proliferación das vivendas turísticas ata que a organización de consumidores a manifestou

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) mostra a súa preocupación pola proliferación das vivendas turísticas nas cidades e vilas galegas durante os últimos anos. Trátase dunha problemática que afecta xa de forma conxunta a toda a sociedade e non só a determinados sectores económicos.

edificio

Co obxectivo de poñer o foco sobre esta realidade e buscar solucións ao respecto, UCGAL sumouse no seu momento á Plataforma pola regulación das vivendas turísticas en Galicia, nada no seo de Santiago de Compostela, e na cal están presentes diversos actores da actividade turística, desde a hostalaría, firmas de xestión de pisos turísticos, axencias inmobiliarias, unha asociación de apoio á mobilidade transnacional do estudantado e dúas asociacións veciñais compostelás. Non obstante, a entidade decidiu desmarcarse deste colectivo porque no tempo no que estiveron a reunirse en ningún momento se puxera enriba da mesa a preocupación social polo acceso á vivenda ata que esta asociación a manifestou. Por iso, e a pesar do xiro que se adoptou no manifesto presentado este martes pola plataforma, a Unión de Consumidores de Galicia considera que seguen a fallar na defensa firme do dereito á vivenda, asunto sobre o que non se pronuncian en todo o comunicado.

O secretario xeral desta organización, Miguel López Crespo estima que “o interese xeral da cidadanía é o realmente importante” ante o “aumento desbocado” da vivenda para uso turístico. “É necesario regular a proliferación da vivenda turística pero tendo claro que se trata dunha problemática que vai máis alá do interese de certos sectores cuxa actividade económica ten como eixo central o turismo”. Nesta liña, entende que practicamente a totalidade das entidades que constitúen a Plataforma pola regulación das vivendas turísticas en Galicia teñen intereses empresarias neste asunto, reducíndose á mínima expresión a presenza de asociacións veciñais, só figuran dúas e son de carácter local, e da comunidade universitaria. Ademais, as organizacións que traballan a prol do dereito á vivenda e da defensa das persoas consumidoras quedan totalmente fóra.

O dereito a unha vivenda de calidade, atendendo á capacidade económica da sociedade galega, debe ser o punto desde o que partir á hora de deseñar estratexias que fagan fronte ao incremento dos pisos turísticos. Neste caso, a postura de UCGAL volve distanciarse da adoptada pola plataforma, que só se centra no control das vivendas turísticas ilegais. Se ben este asunto é prioritario para a Unión de Consumidores de Galicia, tendo en conta a desprotección á que se ven sometidas as persoas consumidoras ao non aplicarse a normativa de prestación de servizos turísticos, tamén o é a situación das vivendas turísticas legais que, dado o seu preocupante incremento, poñen en perigo o acceso á vivenda; expulsando ás veciñas e veciños dos seus barrios, sen opción ningunha a alugar ou mercar.

“A problemática do acceso á vivenda non se soluciona só perseguindo ás vivendas de uso turístico ilegais porque estas poderían regularizar a súa situación e o problema da escasa oferta de vivenda residencial quedaría sen resolver”, apunta López Crespo.

Reunión co Concello de Santiago de Compostela

A Unión de Consumidores de Galicia reuniuse o pasado mes de febreiro co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e coa concelleira de Políticas Sociais, Milagros Castro Sánchez, para solicitarlle ao Concello a participación da entidade nas mesas que poñan en marcha para tratar o descontrol na vivenda turística na capital galega.

Con todo, para UCGAL esta problemática transcende á cidade compostelá e debe abordarse de forma transversal en toda a comunidade, xa que se trata dun fenómeno presente en toda a xeografía galega e que vai máis alá do Xacobeo 2021.

Deixa unha resposta