Un Novo Modelo Enerxético #YoDevuelvo

15/04/2015

A Unión de Consumidores de Galicia ven de sumarse á iniciativa da plataforma por un  novo modelo enerxético que consiste en devolver o recibo eléctrico no vindeiro mes de maio.

Só queremos lembrar a todas as persoas que estean no mercado libre que revisen as súas condicións contractuais para non ter ningunha sorpresa á hora de levar a cabo a devolución do recibo. Se non tedes este documento animámosvos a solicitarllo a vosa empresa comercializadora.

Aquí podedes sumarvos á iniciativa 

A PLATAFORMA POR UN NOVO MODELO ENERXÉTICO ANIMA A DEVOLVER O RECIBO DA LUZ DE MAIO

De novo subiunos a luz,  a situación vólvese insustentable para os nosos castigados petos. As eléctricas, pola contra mantiveron beneficios durante este período, algo que nin sequera a poderosa banca logrou.

Pola súa banda, o Goberno duplicou en menos dun ano a parte fixa do recibo da luz, esa que se paga cada dous meses con independencia do consumo que medise o contador. O efecto é o máis irracional posible: aínda consumindo menos que antes, pagamos máis. O malgaste de enerxía está bonificado. Ao ser a parte variable do recibo cada vez menor, resúltanos imposible o que máis nos fai falta: aforrar.

O recibo da luz é case imposible de entender.  Cada vez temos menos idea do destino de cada euro que pagamos. Iso, o que ten a sorte de poder pagalo; porque calcúlase que case catro millóns de familias en España non puideron manter o seu fogar a unha temperatura minimamente digna durante o último inverno. A verdadeira responsabilidade é do Goberno, que permite esta situación; sen esquecer a actitude indecente das eléctricas.

Están a instalarnos, á nosa costa, os novos contadores, que elas, con razón, chaman intelixentes, porque o son; pero nunha soa dirección: as compañías saben a cada segundo dos nosos hábitos a través das cifras de consumo; pero nós, os consumidores, temos vedado o acceso a esa información e por tanto non podemos saber en que franxa horaria resúltanos máis barato usar os nosos electrodomésticos.

Como cidadáns deste país propómosvos defender os nosos petos e a nosa liberdade para decidir que tipo de enerxía queremos e canto estamos dispostos a pagar por ela. Temos que facernos valer ante as compañías como consumidores e ante o noso goberno como cidadáns de pleno dereito.

Ao contrario do que nos venderon as mensaxes intoxicadas das eléctricas, se España investise máis en renovables o recibo da luz sería máis barato. Basta investigar un pouco o que está a pasar a nivel internacional para darse conta de que estamos ante unha verdadeira revolución. O problema do novo modelo enerxético -que tamén é económico- que estamos a reclamar xa non é o prezo. É que se consumimos enerxía renovable en casa estamos á deixar de comprar á eléctrica de quenda, e aí chocamos contra unha parede dura e escura que parece ser a que goberna este país.

Compréndese así que o Goberno deixase pasar a posibilidade de reclamar ás eléctricas preto de 3.500 millóns de euros que cobrarían de máis, feito que está en mans da Audiencia Nacional tras denuncialo a Plataforma por un Novo Modelo Enerxético ante a Fiscalía Especial Anticorrupción.

 


Deixa unha resposta