UCGAL valora a xuntanza coa conselleira de Medio Rural

22/01/2016

  • Os representantes dos consumidores reivindicaron o seu compromiso a prol do sector lácteo

A presidenta da UCGAL, Ana Olveira, e o Secretario Xeral, Miguel López, mantiveron un encontro onte pola tarde coa actual conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, na que lle trasladaron as inquedanzas dos consumidores galegos sobre o deseño das políticas dese departamento que lles afectan directa ou indirectamente.

No encontro, os representantes da Unión de Consumidores de Galicia, esixíronlle a Vázquez un maior compromiso do seu departamento cos consumidores galegos. Como exemplo, desde o inicio do actual episodio da crise do sector lácteo, ós consumidores non se lles outorgou ningún papel nin nos procesos de debate abertos nin no desenvolvemento de programas de actividades malia ser un dos elos da cadea e ser o destinatario último do produto. Tendo isto presente, a presidenta e o Secretario Xeral da UCGAL pedíronlle á titular de Medio Rural unha maior fluidez e transparencia na comunicación entre a súa consellería e as asociacións e organizacións que representan os intereses dos consumidores galegos.

Igualmente, os representantes da Unión de Consumidores de Galicia aproveitaron a xuntanza para reivindicar o compromiso da súa organización a prol do sector lácteo galego e do primeiro elo da cadea, os gandeiros e gandeiras.

Olveira e López trasladáronlle á conselleira a disposición da UCGAL a apoiar, difundir e participar en actividades formativas e informativas dirixidas ó conxunto da poboación galega. Desde sempre, esta organización apostou por sensibilizar, concienciar e informar á cidadanía sobre a importancia dun sector vital para o tecido económico e social galego. Neste sentido, UCGAL amosou a súa disposición a participar en actuacións que vaian máis alá da mera promoción de produtos.

Para rematar, os representantes da UCGAL valoraron moi positivamente a restruturación orgánica do executivo autonómico. Un sector tan básico e estratéxico para Galicia como o sector primario, con grande peso desde o punto de vista económico, social e cultural, necesitaba con urxencia contar cunha consellería de seu.

Deixa unha resposta