Vueling deberá pagar as consecuencias de deixar a ducias de galegos tirados en Tenerife

10/04/2018

Aeroliña

  • As persoas afectadas teñen unha serie de dereitos que a liña aérea ten que respectar

A aeroliña Vueling deixou bloqueados o pasado martes, 3 de abril, a varias ducias de galegos no aeroporto de Tenerife por supostos problemas técnicos no Sistema de Xestión de Tráfico Aéreo de Eurocontrol. Segundo os medios de comunicación, a aeronave debía partir de Tenerife Sur-Reina Sofía con destino A Coruña pero Vueling cancelou o voo e redistribuíu ás persoas afectadas noutros voos. Algunhas das persoas afectadas por esta cancelación obtiveron praza para os días 9 e 10 deste mes, unha semana máis tarde do previsto.

Cómpre recordar que a competencia ante situacións como esta reside na Axencia Española de Seguridade Aérea e que as reclamacións que se presenten en servizos públicos de consumo da nosa comunidade autónoma serán dirixidas a este organismo. Por iso, UCGAL aconsella facer a correspondente reclamación ante unha asociación de consumidores co fin de facilitar e axilizar o proceso. É máis, non só recomenda esta vía senón que, chegado o caso, anima ós afectados a acudir ás instancias xudiciais para reclamar indemnizacións por danos e prexuízos.

As persoas prexudicadas teñen unha serie de dereitos que a aeroliña ten que respectar como o dereito á información e á asistencia, así como o dereito ó reembolso do billete ou a un transporte alternativo e, neste caso, o dereito a compensación.

A asociación ponse a disposición do conxunto de afectados e afectadas e recórdalles que poden chamar ós teléfonos 981 56 64 11 e 981 58 66 96 en horario de 10:00 a 15:00 horas de luns a venres, enviar un correo electrónico a info@consumidores.gal ou visitar a web www.consumidores.gal.

Deixa unha resposta