UCGAL considera que o dispositivo WebTV incumpre a normativa no que respecta á garantía

7/03/2018

Detalle Facebook

  • O dispositivo foi retirado do mercado e perdeu algunhas das súas funcionalidades

Recentemente, o Xulgado número 3 de Santiago de Compostela ordenou retirar e deter a comercialización do dispositivo WebTV de Blusens. O receptor comercializábase afirmando que con el o usuario tiña acceso “a calquera contido audiovisual grazas ás apps de creación libre de Web TV: cine, series, canles, eventos, etc. Sen límites. SEN CUOTAS”.

As persoas consumidoras que compraron este dispositivo viron como quedaba inservible dun día para outro pois os servidores de WebTV quedaron inactivos impedindo a visualización dos contidos “ata que se esclareza a situación por posible relación con algunha vulneración de dereitos de propiedade intelectual” como explicou a empresa a través dun comunicado no seu muro de Facebook.

Nestes momentos a situación está aínda por aclarar pero o certo é que moitos consumidores estarán a preguntarse que facer co dispositivo. UCGAL considera que en vista do sucedido existe unha falta de conformidade do produto de acordo ó establecido na normativa que regula as garantías de bens de consumo.

Lembremos que o dispositivo foi retirado do mercado por infrinxir a lei de propiedade intelectual, o consumidor que compraba o WebTV non podía saber que estaba a comprar un aparato que incumpría a normativa vixente e que era susceptible perder o servizo que dito dispositivo ofrecía.

Non cabendo a reparación ou substitución do produto, esta asociación considera que as persoas afectadas poden reclamar a devolución do diñeiro pagado polo dispositivo no seu momento.

Aquelas persoas que comprasen o WebTV poden acudir as autoridades de consumo para resolver as súas dúbidas sobre este tema e presentar a correspondente reclamación.

UCGAL solicitará a intervención da fiscalía considerando que o caso afecta ós intereses económicos dunha pluralidade indeterminada de persoas consumidoras.

Deixa unha resposta