Wizink cóbrache aínda que non teñas ningún servizo contratado con esta entidade

1/06/2018

Tarxeta de crédito

Un asociado da Unión de Consumidores de Galicia foi dado de alta nunha tarxeta de crédito de Wizink Bank que nin solicitou nin autorizou. No seu día, cando lle chegou foi directamente ó banco a devolvela e solicitar a súa inmediata cancelación, polo que non fixo uso da mesma en ningún momento.

O problema chegou anos máis tarde cando lle cargaron na súa conta recibos correspondentes a esta tarxeta. Resultaba imposible que o noso asociado adebedase recibo algún en relación a esta tarxeta, malia todo Wizink cargoulle un recibo de 35€ e reclamáballe outro por un importe de 53,18€, motivo polo cal a entidade bloqueou a devandita tarxeta ó existir unha falta de pagamento.

O máis cuestionable deste caso é que a entidade Wizink pretendese cobrarlle ó noso asociado por un produto que non solicitou e do cal descoñecía as condicións particulares e xenerais porque non chegou a asinar un contrato. Tamén cuestionamos que se producise calquera gasto asociado a unha tarxeta da que nunca se fixo uso, dado que foi devolta nada  máis chegar.

Ademais, durante os anos que supostamente o noso asociado tivo esta tarxeta xamais recibiu comunicación algunha sobre o seu estado, nin información sobre a súa activación, nin ningún tipo de dato referido ás comisións. Este cargo repentino na súa conta, por unha tarxeta que non ten o consentimento expreso do cliente supón unha mala práctica por parte de Wizink baseada no feito de que as entidades bancarias están obrigadas a remitir anualmente ós seus clientes, durante o mes de xaneiro de cada ano, unha comunicación completa e detallada que recolla a información sobre os intereses cobrados e pagados e as comisións e gastos devindicados por cada servizo bancario prestado durante ó ano anterior. Esta información xamais foi remitida ó noso asociado quen descoñecía que esta tarxeta estaba activa e xerando gastos.

Desde UCGAL solicitamos á entidade a devolución do importe de 35 €, a anulación do recibo de 53,18 € que entendemos indebidamente reclamado, a anulación da tarxeta e tamén a cancelación dos datos do noso asociado da base de datos da entidade e de todas aquelas entidades ás que foran cedidos. Wizink atendeu o noso requirimento devolvendo e anulando os recibos e procedendo á supresión dos datos do noso asociado dos seus ficheiros e á cancelación da tarxeta en cuestión.

Deixa unha resposta