O secretario xeral da UCGAL participou nunha xornada sobre a protección de datos e os dereitos dixitais das persoas consumidoras

7/06/2019
  • O novo escenario dixital precisa de accións colaborativas entre entidades, mostra disto é a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD), impulsada pola UCGAL, a Asociación de Internautas e ADECES

Xornada Protección de Datos en Madrid

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, participou esta mañá na xornada ‘Protección de Datos e Dereitos Dixitais: perspectivas ante un novo escenario’, centrada na dixitalización, a nova lei de protección de datos e os dereitos dixitais das persoas consumidoras, que se celebrou na sede de Comisións Obreiras de Madrid.

A intervención do representante dos consumidores galegos xirou en torno a como a sociedade civil afronta os retos tecnolóxicos nas súas relacións de consumo.

López Crespo falou sobre os perigos do traspase das relacións de consumo ao mundo dixital. Son moitos os consumidores que descoidan aspectos básicos desas relacións debido ao descoñecemento dos seus dereitos, especialmente aqueles relacionados coa protección de datos e a privacidade nas entornas dixitais. Na súa opinión, os datos sobre a preocupación e a importancia que a cidadanía lle outorga á protección de datos tras un ano da implantación do RGDP son demasiado optimistas.

Acto seguido recordou que “nin os poderes públicos nin as empresas están facendo todo o necesario para paliar a fenda existente entre o avance tecnolóxico e o cidadán” e engadiu que “no deseño das axendas dixitais deben implementarse non só accións dirixidas a poñer en valor a transformación dixital senón tamén aquelas que capaciten mellor á cidadanía”.

Para rematar a súa intervención, recalcou a importancia da unión e a comunicación entre entidades e asociacións á hora de afrontar os retos que o novo escenario propón, aproveitando este encontro para presentar a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD). Trátase dunha plataforma interasociativa de carácter aberto, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital e creada, de forma conxunta, pola Asociación de Internautas, a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (ADECES) e a Unión de Consumidores de Galicia.

A xornada completouse coas intervencións do representante da Asociación de Internautas, Javier Cuchí e da presidenta de ADECES, Carmen Rodríguez. A intervención de Cuchí estivo centrada na importancia da defensa dos dereitos cívicos nun escenario tan cambiante como o actual; mentres que a representante de ADECES fixo un percorrido actualizado polo cambio de paradigma que comporta a dixitalización.

Despois da quenda de Rodríguez, falou o xurista e investigador en dereito, Miguel Vieito; seguido da doutora en Dereito Constitucional da UCM e Secretaria e asesora xurídica da Asociación de Internautas, Ofelia Tejerina. O programa pechouse coa intervención do profesor, avogado e consultor, Borja Adsuara.

Deixa unha resposta