UCGAL organiza unha xornada sobre as relacións de consumo no turismo transfronteirizo

4/04/2018
  • A asociación portuguesa DECO (Defesa do Consumidor) colabora coa entidade galega

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración coa asociación lusa Defesa do Consumidor (DECO) organiza o vindeiro martes, 10 de abril, en Pontevedra, unha xornada informativa centrada nas relacións de consumo que se establecen entre Portugal e España por mor do turismo titulada Usuarios/as nos servizos turísticos transfronteirizos (Galicia-Portugal).

A sesión, que se desenvolverá nas dependencias da Aempe (Asoc. de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra) na rúa Vírgen del Camino, 2. 1º Planta, oficina 27; ten como obxectivo dar a coñecer cuestións que afectan as persoas consumidoras galegas cando viaxan ó país veciño, desde aspectos relacionados con aloxamentos e restauración ata transporte (aéreo, ferroviario), taxis, autoestradas; e presentar os diferentes mecanismos que protexen os dereitos de consumidores e usuarios en Portugal.

A xornada Usuarios/as nos servizos turísticos transfronteirizos (Galicia-Portugal) será inaugurada ás 11:00 horas polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, e abrirase coa intervención da colaboradora da UCGAL, Raquel Casalderrey. A continuación, o xurista da DECO, Cláudio Salgado, exporá os temas que máis conflitos xeran no turismo transfronteirizo dando conta das particularidades da normativa lusa e das ferramentas ó alcance das persoas consumidoras para facer valer os seus dereitos.

Ambas entidades, conscientes do numeroso tráfico de persoas que cada ano se produce entre Galicia e Portugal, consideraron necesario emprender accións informativas destinadas tanto a facilitar a estadía da persoa consumidora a ambos lados da raia como a mellorar a calidade dos servizos dentro do sector turístico. Grazas ó coñecemento dos usos e costumes do país, os turistas evitarán calquera das problemáticas comúns no eido do consumo e situacións de picaresca.

Esta non será a única xornada que UCGAL e DECO leven a cabo, xa que o vindeiro 18 de abril, técnicos da asociación galega visitarán Viana do Castelo para trasladar á cidadanía lusa as fórmulas que protexen ós consumidores e consumidoras no noso territorio nos ámbitos relacionados co turismo (aloxamento, restauración, transportes).

1 Cartel Xornada Pontevedra UCGAL
2 Cartel Xornada Pontevedra UCGAL (2)

Deixa unha resposta