Subministros

Consultas remitidas por usuarios da web

Tras mercar un teléfono móbil nun distribuidor oficial do operador cun contrato de permanencia de 18 meses, comprobo como a batería do mesmo non dura máis de 36 horas en repouso cando as indicacións técnicas sinalan que ten unha duración de 300 horas. Leveino para que mo susbtitúan e nenganse dicindo que antes teñen que levalo a revisión. Logo de 10 días devólvenmo como o entreguei. Deixeino novamente e agora sigo á espera de que me digan se mo cambian ou non.

En principio realizar unha comprobación do equipo antes de nada é normal xa que por unha banda hai que descartar que o problema sexa imputable ao usuario e logo en caso que non sexa así ver se é ou non posible unha reparación. Aínda que a Lei de Garantías sinala que é opción do comprador elixir entre reparación ou subsitución, a elección deberá facerse por aquela que resulte menos gravosa para o vendedor. Pode ver información máis polo miúdo na sección garantías dos bens de consumo na sección de publicacións.

Vai facer tres anos que vivo na mesma casa e co meu contrato eléctrico (Tarifa Nocturna) pagaba ao mes 36 euros. O segundo ano subiume a cota a 52 euros. Agora no terceiro unha carta me dí que a cota subirá a máis de 100 euros. Cómo é posible que me apliquen unha suba de case o 300%.

Polo que nos comenta, supoñemos que ten vostede contratado o servizo de lectura anual, pagando unha cantidade igual todos os meses e regularizando o consumo ao final do ano. A empresa realiza unha proposta para os seguintes anos en atención ao consumo total que se fixo no ano anterior. Se considera que a proposta se desvía moito do seu consumo anual anterior debe presentarlle unha reclamación para que se faga unha nova proposta máis acorde.

Teño contratada unha liña ADSL máis chamadas. Dende hai catro meses o teléfono deixou de funcionar. A TV non chegou a funcionar nunca. O servizo de Internet deixou de funcionar hai 20 días e logo de máis de 20 chamadas ao servizo de atención ao cliente segue sen funcionar. Se solicito a baixa dinme que tería que aboar unha indemnización por incumprimento do compromiso de permanencia.

Cando se contrata un servizo e se inclúe algún compromiso de permanencia debemos saber que a indemnización que se estableza para o caso de romper ese compromiso ha de ser proporcional ao tempo que reste ata a súa finalización. Mais no caso que vostede nos sinala non estamos ante unha decisión voluntaria senón que se basearía no previo incumprimento do operador xa que non se están a prestar debidamente os servizos. Neste caso non tería vostede que aboar indemnización ningunha pero cómpre que deixe constancia previa e fidedigna do incumprimento do operador.

A empresa de auga facturoume 45 metros cúbicos de auga cando eu non consumo nunca máis do mínimo establecido na ordenanza municipal. Fun protestar e me dín que o contador estaba estragado e que por iso fixeran unha lectura estimada.

O caso que nos comenta non é tan extrano como pensa. Moitas veces este recurso das concesionairas vulnera os dereitos do consumidor xa que están obrigados por unha banda a tomar a lectura do contador de forma periódica. Se aprecian que o contador está estragado porque non mudou a lectura logo dun ou varios periodos debe poñelo en coñecemento do usuario para que o cambie se é da súa propiedade. No caso de que o contador sexa propiedade da empresa entón deben proceder a substituílo directamente e nunca facer unha lectura estimada como a que lle fixeron a vostede xa que o prexuízo que se deriva desa maior facturación ten a súa orixa no incumprimento da obriga da concesionaria de cambiar un contador que é da súa propiedade.

Desexaría me informasen dos trámites que debo seguir para darme de baixa dun operador de telefonía.

Aínda que a vixente normativa establece que para tramitar a baixa dun servizo podemos facelo usando a mesma vía usada para tramitar a alta, aconsellámoslle que o faga por calquera medio que deixe constancia da súa solicitude. En todo caso se non coñece o enderezo ao que remitir a súa solicitude pode facelo ao domicilio social da empresa (a que ven nas facturas). Lembre que a baixa deberá facerse efectiva nos dous días hábiles seguintes á recepción da nosa solicitude.