Proxecto Arbitraxe Turismo

O pasado mes de setembro de 2013 o Diario Oficial de Galicia publicaba o Decreto 148/2013, do 12 de setembro, polo que se regulan o libro de visitas da inspección turística e as follas de reclamacións de turismo e que entrou en vigor o 24 de outubro de 2013.

Entre as principais novidades incluídas no Decreto atópase a introdución da Arbitraxe de Consumo como opción para a solución das controversias entre usuarios e empresarios.

Esta fórmula de resolución extraxudicial de conflitos que leva funcionando en Galicia desde 1996 e que conta con máis de 10.000 establecementos adheridos incorpórase agora ao sector turístico permitindo que empresas e profesionais aporten un novo elemento de calidade ao servizo que prestan aos seus clientes.

Co obxectivo de dar a coñecer este sistema entre os establecementos e empresas turísticas de Galicia, esta organización en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia está a desenvolver unha campaña informativa e de adhesión ao Sistema Arbitral de Consumo que nos levará por distintas vilas e cidades da nosa comunidade.

Entre as principais actuacións que se están a desenvolver destacaremos xuntanzas cos responsables de turismo dos Concellos e como non das principais organizacións de empresarios e profesionais do sector turístico galego.