UCGAL e DECO reforzan o seu compromiso de colaboración polo Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

15/03/2021

No verán de 2018, a Unión de Consumidores de Galicia e a asociación lusa Defesa do Consumidor (DECO) asinaron un convenio de colaboración transfronteirizo que naceu para dar resposta ás dúbidas e problemáticas das persoas consumidoras de ambos lados da raia. Tanto UCGAL como DECO eran conscientes da necesidade de artellar puntos de encontro e referencia para facilitar as relacións de consumo que diariamente se establecen entre lusos e galegos.

Co galo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor que se celebra este 15 de marzo, estas entidades de defensa dos dereitos das persoas consumidoras queren recordar que este convenio de colaboración segue activo e, que tras un ano marcado polos confinamentos e práctica imposibilidade de desprazarse entre os dous países, retomarán a realización de actuacións conxuntas que redunden na mellora das necesidades e reivindicacións das persoas consumidoras e usuarias lusas e galegas.

Mantendo os compromisos adquiridos coa sinatura do convenio, tanto UCGAL como DECO prestarán servizos de asesoramento, información e asistencia ás persoas socias da súa contrapartida no país veciño; realizarán campañas de información e sensibilización conxuntas, así como intercambio de experiencias e coñecementos dándose apoio para acadar os obxectivos que perseguen. Cómpre recordar que froito desta colaboración deseñouse un mecanismo transfronteirizo de resolución extraxudicial de conflitos e organizáronse diversas actividades como a xornada Usuarios/as nos servizos turísticos transfronteirizos (Galicia-Portugal) en Pontevedra ou o Foro Turismo sen fronteiras: os dereitos dos consumidores en Braga.

O Día Mundial dos Dereitos do Consumidores

O lema do Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores deste ano é ‘Loita contra a contaminación por plástico’ e insta aos consumidores a abordar a crise, a nivel mundial, da contaminación por plásticos. Unha crise agravada pola pandemia mundial da Covid-19 que contribuíu a un aumento dos plásticos dun so uso (máscaras, luvas e envases de comida).

A UCGAL leva anos centrando parte da súa actividade no impacto do plástico na vida cotiá con accións como o faladoiro Diálogos de plástico onde conversaron sobre esta problemática medioambiental o investigador e experto en lixo mariño, Jesús Gago, e o actor galego, Xosé Antonio Touriñán, coa mediación do divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega. Nesta liña tamén se enmarcaba a exposición ‘Os Benfeito e os ODS’ que visitou os Concellos de Ourense e A Coruña, conformada por ilustracións da familia Benfeito co obxectivo de achegar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) á cidadanía poñendo enriba da mesa hábitos que todas as persoas consumidoras poidan integrar no seu día a día, como a aposta por envases elaborados con materiais alternativos ao plástico  a reciclaxe. Estas actividades foron desenvolvidas no marco do convenio de colaboracion con Mercadona para o desenvolvemento de actuacións de formación e información ás persoas consumidoras.

As actividades ao redor da crise do plástico continuaron co Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas desenvolvido en colaboración con Ecoembes, no que os usuarios e usuarias da rede social Twitter tiñan que crear unha historia, totalmente orixinal en formato fío, sobre a reciclaxe dos envases plásticos e de papel e cartón. Froito tamén desta colaboración desenvolvéronse dous workshops en Moaña e Ames sobre os retos aos que teñen que facer fronte as persoas consumidoras nos procesos de redución de residuos e tratamento dos mesmos.

15_marzo

Balance do último ano de traballo

Condicionado polas circunstancias derivadas da pandemia, UCGAL afrontou un ano 2020 con unha importante carga de traballo derivada do importante número de consultas e reclamacións atendidas nas súas oficinas de Santiago, Ames (en Milladoiro e Bertamiráns) e Cangas, ademais das derivadas do convenio de colaboración co Instituto Galego do Consumo e da Competencia. En conxunto, as consultas superaron as 3.000 e as reclamacións as 550  cobrando especial relevancia as relativas aos sectores de viaxes e transportes, servizos financeiros, compras a distancia e servizos públicos como electricidade e telecomunicacións. En termos económicos e froito principalmente da resolución de expedientes de reclamación relativos a servizos financeiros e de viaxes, os importes recuperados, evitados ou indemnizados supuxeron preto de 475.000 euros.

Capítulo á parte ocupou o relativo ao sector da vivenda, en especial aspectos derivados da imposibilidade ou limitacións para dar cumprimento ás obrigas derivadas dos contratos de alugueiro e outros. Atendendo á natureza privada deste tipo de contratos, UCGAL deseñou un sistema arbitral en colaboración coa Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN) que permitirá resolver este tipo de controversias en pouco máis de 15 días e de xeito practicamente de balde. Coa vontade de contribuír á mellora do sector, Unión de Consumidores de Galicia asinou o pasado mes de xaneiro o Pacto Social pola Vivenda, en representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Malia as dificultades que a pandemia trouxo consigo, o respaldo da súa base de persoas asociadas, permitirá a esta entidade ampliar a súa implantación territorial cunha nova oficina no Concello de Lugo que estará situada na Rúa San Pedro e comezará a operar o próximo mes de abril. A primeira das actuacións que se prevén nesta cidade están relacionadas coa problemática derivada do cobro das taxas da auga debido á falta de lectura periódica dos contadores por parte dos responsables do servizo.

 

Deixa unha resposta