A Nova Tarifa Eléctrica

2/07/2021

NOCIÓNS BÁSICAS

A nova estrutura tarifaria aplícase desde o 1 de xuño de 2021 e afecta a todas as persoas consumidoras de electricidade, independentemente de que se encontren no mercado regulado ou no mercado libre.

Con carácter previo, é importante ter en conta que en virtude do Real Decreto-Lei 1/2019 introdúcese a diferenciación da tarifa de acceso entre peaxes e cargos. Ambos son prezos regulados, pero as peaxes están destinadas a recuperar os custos das redes de transporte e distribución e son determinadas pola CNMC. En cambio, os cargos están destinados a cubrir o resto dos custes regulados: o financiamento das renovables, o sobrecusto da produción da enerxía nos territorios non peninsulares ou as anualidades do déficit. Os cargos son determinados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Nos consumidores domésticos, as peaxes e cargos supoñen, aproximadamente, a metade do custe da factura.

As principais novidades que introduce o nova tarifa eléctrica son as seguintes:

  • Todas as persoas consumidoras pasan a ter unha peaxe con discriminación horaria no termo da potencia e enerxía. Isto supón que o prezo será diferente segundo o horario de consumo (punta, val e chan).
  • Aumento da diferenza de prezos entre períodos horarios de punta e val tanto de potencia como de enerxía.
  • Facilítase a recarga nocturna de vehículos eléctricos.

A nova peaxe asígnase de maneira automática polo que as persoas consumidoras non teñen que facer ningún cambio. Non obstante, pódense adaptar as potencias contratadas e planificar pautas de consumo que permitan aproveitar as vantaxes da nova estrutura de peaxes.

COMO AFECTA A MEDIDA AOS CONSUMIDORES DOMÉSTICOS?

Esta medida afecta a todos os consumidores domésticos con menos de 15 kW de potencia contratada.

Todas as persoas consumidoras pasarán a ter prezos diferenciados por tramos horarios, tanto para a potencia como para o consumo.

Agrúpanse as peaxes vixentes ata agora (2.0A, 2.0DHA, 2.0DHS, 2.1A, 2.1DHA e 2.1DHS) nunha única peaxe (2.0 TD). Isto supón a desaparición da tarifa de discriminación horaria (tamén coñecida como tarifa nocturna) coa entrada en vigor da tarifa 2.0 TD que contempla tres períodos horarios.

Cambios en relación coa potencia contratada:

A potencia diferénciase en dous períodos, podéndose contratar potencias diferentes por cada período:

  • A potencia punta de 8 da mañá a 24 horas da noite.
  • A potencia val de 24 horas da noite a 8 horas da mañá, e todas as horas do sábado, domingo e festivos de ámbito estatal.
  • A potencia val será moito máis barata, ate un 95%.

Cambios relativos ao consumo:

O consumo diferénciase en tres períodos:

  • O período de punta: co prezo máis elevado, de 10 da mañá a 2 da tarde e de 6 da tarde a 10 da noite de luns a venres non festivos.
  • O período de chan: un prezo menos caro ou intermedio de 8 a 10 horas, de 2 a 6 da tarde e de 10 a 12 da noite.
  • O período de val: cun prezo reducido comprende as horas nocturnas (de 0 horas a 8 horas da mañá) e todas as horas do sábado, domingo e festivos estatais.

Finalidade da diferenciación de prezos: 

  • Incentivar o desprazamento do consumo (acumuladores, lavadoras, lavalouzas, etc.) a períodos de menor demanda, co obxecto de evitar investimentos innecesarios na rede.
  • Facilitar a carga do vehículo eléctrico a un prezo reducido, ben no propio domicilio ou mediante a contratación dun segundo punto de subministro (ao permitirse contratar 0 kW de potencia en punta).
  • Aumentar o consumo de electricidade en detrimento do consumo de enerxía procedente de combustibles fósiles.
  • Facilitar a transición a unha economía baixa en emisións.

IMPACTO NA MIÑA FACTURA

 Modalidade de contratación:

A nova estrutura tarifaria afecta a todos os consumidores domésticos, tanto para os que teñen contratado o subministro de electricidade no mercado regulado – PVPC (prezo voluntario ao pequeno consumidor), como os que estean no mercado libre.

No caso dos consumidores acollidos ao PVPC, os comercializadores de referencia deberán aplicar os novos prezos establecidos para os termos da potencia e enerxía do PVPC, cos novos tramos horarios.

No caso dos consumidores no mercado libre, o comercializador debe adaptar o prezo do contrato para incorporar a diferenza de custes regulados, podéndose optar entre:

  • Adaptar o prezo do contrato aos novos períodos de enerxía e potencia.
  • Manter os tramos de prezos que o consumidor tivera acordado previamente no seu contrato (prezo fixo todo o día, prezos diferentes entre semana/fin de semana, etc.), trasladando ao prezo a diferenza de custes que resultaría para o seu perfil de consumo.

En todo caso, as comercializadoras deberán comunicar os cambios na factura ao consumidor coa suficiente antelación.

Facturación da enerxía consumida por tramos horarios:

En canto ao consumo, se non se tiña contratada unha tarifa con discriminación horaria, os cambios que notarán as persoas consumidoras son os seguintes:

  • A facturación de peaxes, cargos e pagamentos de capacidade reducirase para o consumidor medio con potencia contratada inferior a 10 kW, aproximadamente, 17 €/ano, antes de impostos (antiga peaxe 2.0A).
  • A facturación de peaxes, cargos e pagamentos de capacidade reducirase para o consumidor medio con potencia contratada entre 10 kW e 15 kW, aproximadamente 197 €/ano, antes de imposto (antiga peaxe 2.1A)

Se as persoas consumidoras tiñan contratado unha tarifa con discriminación horaria (antigo peaxe 2.0DHA), a repercusión na factura será diferente co cambio na estrutura tarifaria, xa que o poderán ver incrementada nun 30% a súa factura:

  • A facturación de peaxe, cargo e pagamentos por capacidade aumentará para o consumidor medio con potencia contratada inferior a 10 kW, aproximadamente, 24 €/ano para a discriminación de dous períodos (DHA). No caso da discriminación de tres períodos (DHS) o incremento pode ascender a 46 €/ano, antes de impostos.
  • A facturación de peaxe, cargo e pagamentos por capacidade reducirase para o consumidor medio con potencia contratada comprendida entre 10 kW e 15 kW, aproximadamente, 72 €/ano para a discriminación de dous períodos (DHA) y 110 €/ano para a de tres períodos (DHS), antes de impostos.

Estes cambios na sistema de tarificación por tramos horarios serán automáticos e as persoas consumidoras non terán que realizar ningún trámite.

Facturación por potencia contratada:

En relación a potencia contratada a nova normativa introduce a posibilidade de ter dúas potencias distintas para dúas franxas horarias (potencia contratada en punta e val). Por defecto manterase a mesma potencia contratada para todas as horas, pero poderase escoller dúas potencias distintas, unha diúrna e outra pensada para o período nocturno e fin de semana segundo as necesidades.

As persoas consumidoras terán dereito a adaptar as potencias contratadas período horario solicitándoo ante a súa comercializdora. Permítese realizar dous cambios de potencia gratuítos até o 31 de maio de 2022.

COMO AFORRAR NA FACTURA DA LUZ? 

  • Adecuando a potencia contratada ás nosas necesidades reais:
    • Consultar a curva de carga horaria dispoñible na web distribuidor (https://sede.cnmc.gob.es/listado/censo/1) para analizar cal é a demanda máxima nos períodos de punta e val. Da análise efectuada poderíase valorar a oportunidade de revisar a potencia contratada para os períodos de punta e de val.
    • Informarse de consumo dos electrodomésticos (indicado nas especificacións técnicas dos aparatos).
    • Evitar simultanear consumos (intentar non acender varios aparatos á vez).
    • Si se teñen acumuladores nocturnos, aumentar a potencia contratada no período de val para cargar nun período máis curto.
  • Planificar pautas de consumo que permita aproveitar as vantaxes de nova estrutura tarifaria, intentando desprazara o consumo a períodos fora da punta:
    • O prezo por termo de enerxía no período de chan é un 69% inferior e no de val un 95% inferior ao prezo da enerxía en punta.
    • O prezo pola potencia contratada en período de val é un 95 % inferior ao período de punta.
  • Aposta polo aforro e a eficiencia enerxética:
    • Instalación de iluminación led lámpadas de baixo consumo.
    • Vixía o stand-by.
    • Regula o termostato da calefacción e o aire acondicionado.
    • Aproveitar as horas de luz para reducir o custe de iluminación e de calefacción.
    • Reducir a temperatura de lavado da roupa.
    • Na medida do posible, intentar adquirir electrodomésticos eficientes.
  • Carga do vehículo eléctrico en horario nocturno.

Xunto a estes consellos importantes para o aforro na factura da luz, desde UCGAL recomendamos permanecer no mercado regulado co tarifa PVPC, recordando que é un requisito imprescindible para poder solicitar o bono social. Por outra banda, é importante non deixarse levar polas propostas comerciais  agresivas que se están levando a cabo por comercializadoras do mercado libre coa única fin de aproveitarse da confusión xerada polo cambio normativo para a captación de clientes.

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta