A Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Santiago entregan os premios do certame de TikTok “Conecta coa Economía Circular”

28/03/2022

Esta tarde, representantes do Concello de Santiago de Compostela e da Unión de Consumidores de Galicia fixeron entrega dos premios do Concurso Conecta coa Economía Circular.

Ambas entidades veñen de desenvolver de forma conxunta unha serie de actividades co obxectivo de impulsar o coñecemento da economía circular entre os composteláns e compostelás. Unha destas accións foi o concurso Conecta coa Economía Circular a través da aplicación Tik Tok, que estaba dirixido á rapazada de entre os 13 e os 17 anos que residise ou estudase no concello. Para participar, debían subir un vídeo, cunha duración máxima dun minuto, sobre as 4R (reducir, reutilizar, reciclar e reparar) e acompañado polo hashtag #EuCompost_ela.

As tres premiadas posan cos seus premios

As tres premiadas posan cos seus premios

O xurado, conformado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, da UCGAL e polo coñecido crítico cinematográfico e musical Moncho Lemos, outorgou o primeiro premio deste concurso a Lucía García Amado, que se centrou en como abordar a problemática da contaminación ambiental a través das 4R; o segundo a Amira Rosón Prieto que apostou por mostrar como darlle unha segunda vida á roupa; e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez, que abordou o impacto que está a ter o gran volume de lixo que xeramos e como podemos facerlle fronte. O xurado destacou a calidade e a creatividade dos traballos presentados.

Rocío Arnoso entrega o terceiro premio.

Rocío Arnoso entrega o terceiro premio.

O primeiro premio do concurso consiste nun vale por 200 euros para usar no comercio local compostelá; e o segundo e terceiro premio nun vale por 100 euros.

Baixo o paraugas do proxecto #EuCompost_ela, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia continuarán a desenvolver actividades ao longo dos vindeiros meses. Dirixidas para público adulto, mozo e infantil, estas accións buscan afondar na difusión da economía circular entre os composteláns, promovendo o coidado do medio ambiente e o consumo de forma responsable.

Deixa unha resposta