ALERTA: PHISHING

26/07/2014

Todos os días a moitos e moitas de nos chégannos correos de entidades das que somos clientes reclamándonos contrasinais,  números de tarxetas bancarias ou outros datos persoais.

A esta práctica delictiva coñécese como phishing e non é máis que suplantar a identidade da empresa ou entidade na que confiamos co fin de coñecer os nosos datos para logo roubarnos ou venderllos a outras entidades para que estas o fagan.Esta suplantación pode vir da man dun correo electrónico ou dunha chamada de teléfono.

Por ser moitas veces complicado distinguir se un correo recibido é ou non fraudulento deixámosvos aquí unha serie de consellos que poden ser de utilidade:

  • Normalmente ás empresas ou entidades coas que colaboramos diríxense a nós dun xeito persoal e non xenérico. Cando atopemos cousas como “Estimado usuario” debemos desconfiar.
  • Unha entidade de confianza NUNCA nos solicitará por correo electrónico ou teléfono o número de conta, de tarxeta bancaria ou o DNI. Tampouco solicitarán o correo electrónico ou contrasinais.
  • Se recibimos un correo electrónico, este adoita vir con un documento adxunto. Non debemos abrilo, xa que pode instalarse no noso ordenador e transmitirlle os nosos datos.
  • Cando nos leven a unha páxina para cumprimentar os nosos datos debemos comprobar que esta é a da empresa ou organización na que confiamos. Debemos revisar TODO o enderezo web xa que moitas veces só se pode apreciar en pequenos cambios.

De todos os xeitos, caso termos algunha dúbida, o mellor sempre é poñernos en contacto directamente coa empresa ou entidade a través da súa páxina web ou do seu servizo de atención ao cliente para evitarmos así que os nosos datos persoais e/ou bancarios estean en mans de quen os pode empregar de xeito fraudulento.

Deixa unha resposta