Algo de Luz sobre o Bono Social

12/09/2014

No ano 2009 coa aparición da Tarifa de Último Recurso (TUR) nace o coñecido como Bono Social. Foi unha iniciativa que se puxo en marcha para protexer á cidadanía que pertence a determinados colectivos.

Dende esta data ata hoxe o mercado eléctrico no seu conxunto tivo moitos cambios xa que está inmerso nun proceso de liberalización que, como xa adiantamos no seu momento, non está a ser fácil nin exento de picarescas e prácticas non de todo correctas por parte das eléctricas.

Polas diferentes consultas que estamos a recibir cremos que é imprescindible aclarar unha serie de puntos sobre o que agora se denomina Tarifa de Último Recurso para os Consumidores Vulnerables:

Os beneficiarios do Bono Social teñen que pertencer ao mercado regulado, como así o establece o Real Decreto 216/2014 de 28 de marzo. Esta afirmación é o mesmo que dicir que  se nos pasamos ao mercado libre, aínda que sigamos sendo consumidores vulnerables, perderemos o dereito a acollernos a esta tarifa.

O cálculo da tarifa realizarase aplicando o 25% de desconto a todos o termos que compoñen o PVPC (termo fixo de potencia e consumo de enerxía). Polo que estamos diante dun aforro importante para todas as persoas usuarias que se poden acoller a el.

Ata que se estableza unha normativa específica sobre o concepto de Consumidores Vulnerables, estes serán os mesmos que os que podían acollerse ao antigo Bono Social:

  • Consumidores, que sendo persoas físicas, teñan unha potencia contratada inferior a 3Kw na súa vivenda habitual.
  • Consumidores que teñan 60 ou máis anos de idade e que acrediten ser pensionistas do Sistema da Seguridade Social por xubilación, incapacidade permanente e viuvez e que perciban as contías mínimas vixentes en cada momento para ditas clases de pensións.
  • Consumidores que acrediten ser familias numerosas e os que acrediten formar parte de unha unidade familiar que teña todos os seus membros en situación de desemprego.

Os trámites para solicitar a TUR para Consumidores Vulnerables son os mesmos que se facían co antigo Bono Social. Temos que presentar diante da comercializadora de último recurso (empresa de mercado regulado) a documentación que corresponde a cada unha das situacións.

 

Esperamos con estas pequenas notas, poñer un pouco de luz nesta neboeira na que nestes intres se encontra o mercado da electricidade e que leva a moitos consumidores e consumidoras a contrataren unhas opcións con prezos máis caros e con menos dereitos.

Deixa unha resposta