Asociacións de Consumidores reclaman que as grandes plataformas dixitais compartan o custe de manter as redes de telecomunicacións

10/08/2022

O uso intensivo das redes por parte das grandes plataformas e o alto nivel de ingresos que obteñen da súa actividade, orixe desta petición dos consumidores

ADECES (Asociación Pro Derechos Civiles, Económicos y Sociales), UCC (Unió de Consumidors de Catalunya-UCC), UCE-EUS (Unión de Consumidores de Euskadi) e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia), reclaman que as grandes plataformas dixitais (OTTs) compartan coas persoas usuarias o custe de manter as redes de telecomunicacións.

A xuízo das asociacións, as autoridades europeas non poden seguir mantendo un esquema de negocio no que son as persoas usuarias europeas as que sufragan o custo dos investimentos e do mantemento das infraestruturas de telecomunicacións, mentres que as 6 grandes tecnolóxicas mundiais (Google, Meta, Netflix, Apple, Amazon e Microsoft) xeran o 57% do tráfico da internet.1 Unha porcentaxe que continuará en ascenso polo incremento de usuarios, o aumento de calidade nos vídeos e o maior uso de datos na nube.

Tanto os servizos de pago como a monetización das aplicacións gratuítas requiren unhas redes adecuadas para poder prestar servizo de calidade a todos os clientes ou usuarios, incluídos os das plataformas. De feito, Amazon Web Services e Amazon Prime, representan o 20% dos 470.000 millóns de dólares que factura Amazon. En Apple, os seus servizos de música, televisión e pay supoñen o 19% dos seus ingresos (366.000 millóns de dólares). Pola súa banda, preto do 70% dos 258.000 millóns de dólares de facturación de Alphabet proveñen de Google, Youtube, Maps e Mail. A nube, os xogos e Linkedin supoñen máis do 46% dos 168.000 millóns de dólares que factura Microsoft. Por último, Meta, obtén o 97% (118.000 millóns de dólares) dos ingresos por publicidade que atraen os seus 2.900 millóns de usuarios 2.

Se non se aborda a contribución das grandes plataformas tecnolóxicas ás infraestruturas de telecomunicacións europeas van producirse algunha ou todas estas consecuencias:

  • Os usuarios europeos seguirán sufragando unhas redes que requiren cada vez de maior investimento, por tanto verán incrementados os seus prezos.
  • Europa non poderá ser un actor relevante en materia de innovación tecnolóxica e de servizos tecnolóxicos.
  • Os cidadáns e empresas de telecomunicacións europeas quedarán supeditados á tecnoloxía doutras áreas e ás súas condicións.

En consecuencia, ADECES, UCC, UCE-Eus e UCGAL reclaman un cambio de paradigma na regulación das telecomunicacións europeas que permita construír un espazo tecnolóxico autónomo.

A construción dese espazo pasa pola contribución das grandes plataformas tecnolóxicas no mantemento das redes de telecomunicacións da UE e por definir regulacións cuxas obrigacións alcancen aos provedores de servizos dixitais, evitando a asimetría regulatoria que vén caracterizando o mercado das telecomunicacións en sentido amplo.

[1] Fuente: Sanvine

[2] Fuente: Visual Capitalist

Se o desexas podes ler a Nota en castelán

Deixa unha resposta