Ciclo de sesións informativas sobre aforro na factura da luz

16/06/2014

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, e distintos concellos desa provincia, técnicos de UCGAL están a impartir unha serie de sesións informativas dirixidas a orientar ás persoas usuarias cara a recursos que lles permitan aforrar na súa factura de electricidade.

Baixo o título Electricidade… un camiño cara ao aforro as sesións informativas están a incidir nos catro aspectos que nos poden levar a que se reduza o importe final da nosa factura da luz. En primeiro lugar, o propio contrato, xa que logo a contratación no mercado libre ou regulado pode supor significativas diferenzas no prezo da enerxía consumida. Polo xeral, a publicidade dos contratos no mercado libre adoitan ofrecer descontos no termo de potencia mais ocultan que o prezo pola enerxía consumida é máis alto, de forma que ao final o prezo que se paga tralo cambio non compensa en absoluto.

En segundo lugar, fronte á tarifa xeral, a de discriminación horaria pode supor tamén un importante aforro para moitos consumidores segundo o seu perfil de uso, desde un 15% para calquera usuario medio, ate máis dun 35% se se conta con calefacción eléctrica.Tamén é posible aforrar no caso de que poidamos rebaixar a potencia contratada e como non se apostamos por equipos máis eficientes cando toque renovalos.

Outros dos aspectos centrais que pretenden abordarse nas sesións informativas son os relacionados coas distintas opcións de contratación desde o pasado 1 de abril e o novo modelo de factura que se utilizará obrigatoriamente para usuarios do mercado regulado desde o vindeiro mes de outubro de 2014; sen esquecer as devolucións na factura que deberán practicarse para todos os usuarios acollidos ao PVPC.

Todas estas cuestións resúmense neste Políptico que serve de apoio a este programa divulgativo e que foi editado conxuntamente pola UCGAL e a Deputación de Pontevedra.

calendario de actividades a desenvolver é o seguinte. A entrada é libre en todas elas

Data  Localidade Lugar   Hora
 11 de xuño  Baiona   Multiusos Ángel Bedriñana  20.00
12 de xuño  Caldas Auditorio Municipal 20.00
 13 de xuño  Cangas Salón de Plenos do Concello 18.30
 16 de xuño  Cuntis  Casa da Cultura Roberto Blanco  20.00
 17 de xuño Cambados  Exposalnés 20.00
18 de xuño Pontecaldelas  Centro Cultural Pontecaldelas 19.30
18 de xuño  Tui Edif. Área Panorámica. Sala Félix Rguez 20.00
19 de xuño  A Estrada Museo do MOME (Av Benito Vigo, 92) 20.00
19 de xuño  Sanxenxo Edif. Usos Múltiples de Portonovo 20.00
20 de xuño  Vilagarcía Auditorio Municipal (seminario)  20.00
20 de xuño  Cerdedo Salón Multisocial Centro Cultural de Cerdedo 20.00
26 de xuño  Marín Biblioteca Municipal 20.00
26 de xuño  Gondomar  Centro Neural 20.00
27 de xuño  Ribadumia  Casa da Cultura de Ribadumia 20.00
27 de xuño A Cañiza Salón de Plenos do Concello 20.00
30 de xuño Lalín Museo Municipal 20.00
30 de xuño Forcarei Auditorio Soutelo de Montes 20.00
10 de xullo Mos  Centro de Desenvolvemento Local 20.00
 Setembro  Pontevedra Pazo da Deputación
Setembro Vigo Sede da Deputación

Estas actuacións complementaranse a partires do día 2 de setembro coa posta en marcha de dez puntos de asesoramento individualizado no que técnicos de UCGAL analizarán as facturas dos usuarios e lles exporán as distintas opcións de contratación e tarifas para que poidan decidir polas que lles supoñan un menor desembolso económico.

As oficinas de asesoramento funcionarás nas localidades de Pontevedra, Lalín, A Estrada, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Ponteareas, Vigo e Tui. Estarán operativas ata o día 31 de outubro

Este programa foi presentado en comparecencia conxunta do Secretario de UCGAL e o Presidente da Deputación de Pontevedra.

Rafael Louzán e Miguel López no acto de presentación do proxecto

Deixa unha resposta