Recuperamos os cartos dunha compra de pneumáticos online

22/03/2019
  • As compras online son contratos celebrados a distancia

PneumáticoUnha asociada da UCGAL comprou pneumáticos por Internet na plataforma 12neumaticos.es. Tras a confirmación da compra e o correspondente pago do importe do produto, a plataforma cancela o pedido aducindo falta de stock e sen dar ningunha opción alternativa ao pedido en cuestión.

En UCGAL tramitamos a correspondente reclamación solicitando ben o envío dos pneumáticos adquiridos en primeiro termo ou outros similares en calidade e prezo, ben a devolución do importe abonado pola nosa asociada no momento da compra.

Tendo en conta a normativa vixente para a defensa das persoas consumidoras e usuarias en relación aos contratos celebrados a distancia, e unha compra por Internet entra dentro desa categoría, a norma establece que a empresa debe facer entrega do produto nun prazo máximo de 30 días, a non ser que ámbalas partes acordasen unha data diferente para a entrega. Se tras ese período de tempo non se fixo efectiva a entrega do produto acordado, a persoa consumidora ten dereito tanto rescindir o contrato como a un reembolso. Así mesmo, a actual normativa expón que “de non atoparse dispoñible o ben ou servizo contratado, cando o consumidor e usuario fose informado expresamente de tal posibilidade, o empresario poderá subministrar sen aumento de prezo un ben ou servizo de características similares que teña a mesma ou superior calidade”. Esta entidade entende que a empresa en cuestión, tendo en conta a actividade á que se dedica, dispón doutras marcas e modelos para subministras aos clientes.

Malia todo, e finalmente, a empresa optou por resolver o contrato, anular o pedido da nosa asociada e devolverlle íntegra a cantidade aboada polos pneumáticos cun desconto do 5% polas molestias ocasionadas.

Deixa unha resposta