As claves dunha vida saudable desde a infancia: compromiso de acción

28/01/2014

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola esquerda; a presidenta de Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira; e o director xeral do Foro Interalimentario, Víctor Yuste, tras a sinatura do convenio, nas oficinas da consellería [foto: Conchi Paz]

Como firmes defensores dunha educación en bos hábitos de consumo, unha parte importante do noso traballo radica na posta en marcha de iniciativas e accións que fomente un espírito responsable no consumidor e, ao mesmo tempo, poñan ao alcance deste as ferramentas necesarias que garantan unha práctica acorde con ese espírito. Fixémolo coas organización das xornadas formativas sobre alimentación e etiquetado o pasado mes de novembro e coa implicación no desenvolvemento dunha aplicación para aprender a interpretar a composición dos alimentos que consumimos. Hoxe mesmo demos un novo paso plasmando sobre o papel o noso compromiso co fomento dun estilo de vida saudable desde a infancia.

A nosa presidenta, Ana Olveira, asinou hoxe en nome de UCGAL un convenio de colaboración coa consellería de Sanidade e o Foro Interalimentario, como parte do Plan galego de prevención da obesidade infantil, que busca diminuir a mortalidade provocada polas enfermidades crónicas non transmisibles mediante o fomento de hábitos de vida saudables, especialmente no que se refire á alimentación. O compromiso vai dirixido a esa doble liña de traballo mencionada máis arriba: educar e concienciar a poboación desde as idades máis temperás mediante campañas informativas; e garantir a dispoñibilidade de produtos saudables coa máxima calidade e seguridade atendendo aos estándares nacionais e internacionais.

Unha web con xogos educativos, un concurso de debuxo online ou un conto de Os Bolechas sobre alimentación saudable, son algunhas das ferramentas que axudarán nas diferentes accións enmarcadas no acordo, en especial no que se refire á atención dos colectivos máis novos. A aplicación web para a interpretación do etiquetado, o fomento de políticas que favorezan produtos con baixo contido en sal, azucres e graxas saturadas, así como a eliminación das graxas trans completan un cadro de actuacións que contarán ademais coa colaboración de colectivos implicados, como poden ser os de fabricación e hostalería. Un compromiso de todos para un beneficio colectivo: unha necesaria vida máis saudable.

> Accede á nota de prensa 

Deixa unha resposta