A UCGAL denuncia que as eléctricas criminalizan a usuarios pola suposta manipulación dos contadores

22/06/2015

Medra día a día o número de persoas, usuarios, autónomos, profesionais e pymes, prexudicadas pola prepotencia de empresas que se supoñen por riba da lei

UCGAL está a constatar que consumidores e usuarios de diversos puntos de Galicia están a recibir cartas das súas compañías eléctricas nas que se lles esixe o pago de facturas desorbitadas e, nalgúns casos, acusando ao usuario da manipulación do contador sen presentar proba ningunha que sustente a dita acusación.

Ao mesmo tempo e día a día medra o malestar entre milleiros de galegos que están a recibir facturas que se están emitindo de forma ilegal, conculcando o procedemento establecido na normativa vixente.

Esta organización considera moi grave que empresas prestatarias de servizos de interese xeral cheguen ao punto de acusar aos usuarios galegos da comisión dunha conduta que está tipificada como delito no vixente código penal (fraude na subministración eléctrica) nun contexto no que estas empresas non son quen de cumprir cunha mínima obriga, cal é a lectura dos contadores e a emisión de facturas con datos reais.

Para Unión de Consumidores de Galicia, condutas como as que se están xeralizando nestas datas son inadmisibles pero seguen e seguirán a proliferar no entanto os nosos gobernantes continúen deseñando políticas máis dirixidas a consolidar os ingresos e beneficios de poucos en detrimento dos dereitos de todos.

Manipulación de equipos
O que inicialmente parecían casos illados está a trocar en conduta reiterada, e o número de casos desta natureza está a medrar. Consumidores e usuarios están sendo criminalizados polas compañías eléctricas sen aportar elementos que proben a efectiva manipulación de equipos por parte da persoa titular do contrato, todo elo dentro un plan no que parece primar un afán recadatorio.

Unión de Consumidores de Galicia constata que no momento en que o persoal da empresa distribuidora detecta a “suposta” manipulación dos contadores nunca se advirte ao usuario para que poida estar presente. Malia que no “expediente” instruído pola eléctrica adoitan incluírse fotografías dos equipos, para UCGAL é unha burla pretender que unha fotografía constitúa un elemento probatorio suficiente para atribuír a responsabilidade dunha persoa concreta.

Aínda no caso de que a empresa distribuidora demostrara que un usuario manipulou o equipo de medida e control e de non existir un criterio obxectivo para calcular o importe defraudado, terá que axustarse ao establecido no Art. 87 do RD 1955/2000 ( Que ten en conta o produto da potencia contratada, ou que deberan contratar, por seis horas de utilización diarias durante un ano). Unión de Consumidores de Galicia tramita reclamacións nas que empresas eléctricas pretenden cobrar aos usuarios cantidades de ate o triplo do que a lei estipula para estes casos e baixo veladas ameazas de corte do servizo.

Ante a gravidade destes feitos, UCGAL solicita a todos os galegos e galegas que reciban comunicacións deste tipo, se poñan en contacto coa asociación e conten o seu caso, xa que a súa proliferación permitiría o exercicio de actuacións de natureza colectiva, mesmo por parte da Fiscalía Superior de Galicia, con quen UCGAL reuniuse o pasado mes de abril.

Facturas
Quizais por adicar demasiado tempo a criminalizar ao usuario, estas empresas non atopan oco para realizar parte do seu traballo e ler os contadores de milleiros de galegos e galegas.

Facturas con consumo cero, con consumos estimados, fogares que levan meses sen recibir facturas e por suposto o clásico, facturas que inclúen consumos de moitos meses sen que interveña culpa ningunha do cliente.

Malia que a lei é clara en relación co procedemento e periodicidade da facturación a usuarios, as empresas comercializadoras non están a facturar coa regularidade establecida, medrando os casos en que o período de facturación chega a superar os 70 días ou mesmo casos de usuarios que levan meses sen recibir facturas e temen pola que, antes ou despois, inclúa o consumo de todo ese tempo. Noutros casos as lecturas reflectidas na factura, tanto amosan consumo cero malia que se trata de vivendas habituais e habitadas diariamente, como reflicten consumos moi superiores aos que sinala o contador logo de que o usuario vaia a comprobar a lectura.

Especialmente grave resulta para UCGAL que moitas desas facturas sinalen que se trata de lecturas reais cando resulta evidente, polo comentado, que non é así. De feito, conta con testemuñas gráficas que amosan contadores con datas de peche de lectura que se remontan ao mes de febreiro. Este tipo de proba debería ser suficiente para criminalizar a estas empresas xa que, quid pro quo, a elas bástalles para criminalizarnos a nós.

A xuízo deste organización moitos destes problemas, a lo menos na provincia da Coruña, teñen orixe no cambio de empresa encargada de realizar as lecturas logo do que a anterior empresa contratada por Fenosa vira resolto o seu contrato antes de tempo por mor dun conflito laboral colectivo no que foron despedidos 140 traballadores cos que UCGAL mantén un estreito contacto desde entón.

A importancia de que os usuarios presenten denuncias e non só reclamacións é fundamental, imprescindible e necesario para que poidamos facer algo contra tantos e tantos abusos. Non debemos deixarnos enganar pola publicidade, os descontos ou as facilidades para contratar con estas empresas xa que logo o que contan non resulta ser tan beneficioso. De feito, unha das grandes xa nolo di na súa recente publicidade, porque lo importante no es lo que dices, es lo que haces’ e xa lles estamos contando o que realmente fan.

Deixa unha resposta