A UCGAL considera que as estacións de servizo desatendidas son un grave risco para a seguridade de consumidores e usuarios

5/06/2015

A UCGAL quere poñer o foco de atención sobre as estacións de servizo desatendidas, instalacións que están a iniciar a súa actividade na nosa Comunidade Autónoma e que representan unha ameaza contra a seguridade e os dereitos dos consumidores. Estes espazos non deben confundirse coas denominadas estacións “low cost”, establecementos que manteñen un nivel de cumprimento dos requisitos técnicos, de seguridade e de protección de consumidores e usuarios similar ao das estacións de servizo convencionais.

Para a UCGAL, as instalacións de servizo de combustíbel desatendidas incumpren os principios e normas que rexen as garantías dos dereitos dos consumidores e usuarios; en especial, os das persoas con discapacidade. No Real Decreto Lexislativo 1/2013, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece que “tódalas persoas físicas ou xurídicas que, no sector público ou no privado, subministren bens ou servizos dispoñibles para o público, ofrecidos fora do ámbito da vida privada e familiar, estarán obrigadas nas súas actividades e nas transaccións conseguintes, ao cumprimento do principio de igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, evitando discriminacións directas ou indirectas, por motivo de ou por razón de discapacidade”.

Os consumidores e usuarios non poden verificar que se fornecen as cantidades indicadas nos surtidores, nin poden solicitar unha factura ou requirir unha folla de reclamacións no caso de que xurda algún problema

A ausencia de persoal nas estacións desatendidas pode implicar graves riscos para os consumidores e usuarios xa que resulta imposible facer cumprir ao consumidor as medidas de seguridade reglamentarias para estes espazos, así como tomar as medidas oportunas no caso de se  producires, por exemplo, un vertido ou fuga dunha mercancía perigosa, inflamable e contaminante. Igualmente, os consumidores e usuarios non poden verificar que se fornecen as cantidades indicadas nos surtidores, nin poden solicitar unha factura ou requirir unha folla de reclamacións no caso de que xurda algún problema.

Folga dicir que a UCGAL se solidariza cos traballadores do sector xa que este modelo de negocio contribúe a destrución de empregos e a precarización das condicións de traballo.

Para UCGAL resulta incomprensible que a Xunta de Galicia non adopte medidas ao respecto e non dicte normas que regulen este tipo de establecementos xa que existe base legal suficiente como para que a administración impida o exercicio da actividade nas estacións desatendidas e para que, como xa se fixo noutras Comunidades Autónomas, se regulen estas instalacións de abastecemento de combustíbel garantindo a seguridade e os dereitos dos consumidores e usuarios.

Deixa unha resposta