I Estudo da Cesta da Compra En Liña

26/11/2014

Presentamos o I Estudo da Cesta da Compra en Liña que por vez primeira analiza os prezos dunha cesta da compra atendendo tanto aos prezos por envase como por unidade de medida (litro, kg, etc.) e que ofrecen as principais cadeas de distribución asentadas en Galicia nas súas plataformas de compra a través da internet. Todos os produtos sometidos a análise foron de marca comercial que destacan pola súa popularidade e coñecemento xeneralizado.

Os resultados indican que Mercadona é a cadea de distribución que se sitúa nunha mellor posición relacionando as dúas variables a analizar. Na situación oposta atópase Hipercor que resulta a opción máis cara tanto dende o punto de vista do prezo por envase como de unidades estandarizadas. Un bo resultado nas dúas variables permite aos consumidores obter unha garantía de bo prezo con independencia do formato que adquiran.

Para encher o carro virtual cos produtos da nosa cesta precisamos 224 € de media. A mellor opción en relación ao prezo por envase é Froiz onde realizar a compra cústanos 203 €, seguida de preto por Mercadona. Na parte oposta atópase Hipercor onde precisamos 43 € máis.

En prezos por unidade de medida (elemento que mellor permite a comparación de prezos) a cadea máis competitiva é Alcampo onde gastamos 316 € só 6 menos que a seguinte, Mercadona, pero un 16% menos que a máis cara, Hipercor. De media precisamos 345 € para realizar a nosa cesta da compra en unidades estandarizadas.

En produtos de alimentación as dúas cadeas de distribución galegas (Froiz e Gadis) son as que obteñen uns mellores resultados en prezos por envase. Se analizamos o prezo por unidade de medida Alcampo é a opción máis económica. No apartado de bebidas Eroski e Froiz ofrecen os mellores prezos por envases e Alcampo no caso dos prezos estandarizados.

Por último no apartado de droguería Mercadona destaca como opción máis económica tanto en envases como en unidade de medida.

 O estudo evidencia a íntima relación entre os formatos dos produtos e a súa incidencia no prezo final da cesta da compra. Ademais pon de manifesto claras tendencias dos grupos de distribución á hora de apostar por unha tipoloxía de formato e a súa aproximación ou distanciamento das unidades de medida estandarizadas.

Outros aspectos tratados no estudio inciden na accesibilidade e facilidade de uso das plataformas. Só Carrefour conta con APP a disposición dos usuarios e unha web optimizada para dispositivos móbiles como smartphones ou tablets, algo que se bota moito de menos noutras plataformas e que dificulta enormemente o seu uso.

No tocante aos aspectos legais, a Unión de Consumidores de Galicia lembra a obrigatoriedade da dobre indicación de prezos (PVP e unidade de medida), aspecto que incumpre Froiz xa que non inclúe esta segunda referencia. En relación cos outros aspectos como protección de datos, medios de pago, custes do servizo ou identificación das empresas, UCGAL non detectou irregularidades salientables.

Para a elaboración do estudio, realizáronse un total de 6 tomas de mostras ao longo dos meses de xullo a outubro dunha lista de produtos composta por 83 referencias divididas en tres grandes apartados (Alimentación, bebidas e droguería).

Pode acceder ao estudo completo AQUÍ

Deixa unha resposta