Euskaltel compra R

29/07/2015

Vimos de coñecer o principio de acordo de integración que a empresa de cable R pechou con Euskaltel. A compañía vasca faríase co 70% do capital de R propiedade de CVC Capital Partners e co 30% restante en mans de Abanca nunha operación que en conxunto acada os 1.155 millóns de euros. Euskaltel naceu en 1995, actualmente ofrece cobertura a 800.000 fogares e 150.000 empresas en Euskadi e conta cunha rede de fibra óptica de case 350.000 quilómetros.

Ambas empresas lanzaron un comunicado sinalando que “esta integración non suporá a perda nin a merma de identidade de ningunha das dúas compañías porque tanto Euskaltel no País Vasco coma R en Galicia nacimos e desenvolvémonos cunha clara vinculación ás nosas respectivas terras.” E no que tamén manifestan a súa intención de manter “as estruturas locais e os equipos de xestión, por consideralos clave dende sempre”. Estas palabras buscan tranquilizar aos usuarios pero non esquezamos que agora a xestora da política de calidade e prezos de R será Euskaltel, compañía que acadou o cuarto posto no noso Observatorio Calidade Prezo dos operadores de telecomunicacións e que ten que mellorar varios servizos como, por exemplo, o tempo de reparación das avarías. É dicir, que os usuarios de R poderían notar cambios.

A través de mensaxes nas redes sociais, moitos usuarios de R manifestaron a súa preocupación pola operación;  algúns deles temen que o seu teleoperador acabe en mans de Vodafone ou Orange. R desaparecerá? A recente historia das telecomunicacións lévanos a pensar que si porque ningunha marca pequena soporta un proceso de integración: Comunitel, Madritel, Reterioja, Tele2… Outros usuarios son optimistas e ven vantaxes na fusión con Euskaltel, opinan que este movemento fortalecerá a ambos operadores a nivel nacional.

Nos últimos meses, barallouse a hipótese de que os operadores do norte: R, Telecable e Euskaltel preparaban o terreo para seren comprados polos grandes (Vodafone ou Orange). O acordo entre Euskaltel e R non é máis que o primeiro paso cara ese futuro no que a competencia entre operadores será menor, un feito que podería cristalizar na merma da calidade dos servizos. Este acordo é, en definitiva, unha mala noticia para os consumidores. É bo que exista competencia no sector dos teleoperadores, históricamente a baixada de prezos sustentouse na existencia de competidores que “loitaban” por atraer o interés dos consumidores. Si o mercado do norte penínsular acaba en mans de Vodafone ou Orange, o mercado dos teleoperadores neste país volverá ao punto de partida: unhas poucas empresas, sen competencia, manexarán o mercado das comunicacións e a millóns de clientes.

Deixa unha resposta