José Ángel Viñuela: “Facemos públicas as alertas cando hai risco moi grave e non é posible retirar o produto porque xa está distribuido”

26/12/2013

“O responsable do produto é a empresa que o pon no mercado. A administración verifica que a empresa cumpre coas súas responsabilidades de produto seguro en relación a inocuidade alimentaria, a que non faga dano á saúde”. Con esta afirmación aclara José Ángel Viñuela, xefe de Servizo de Alertas Alimentarias da consellería de Sanidade, a división de responsabilidades na distribución e comercialización de alimentos. Tras a súa intervención na xornada Alimentación: Información e Comunicación celebrada o pasado 13 de novembro en Santiago, quixemos que nos explicase algunhas das claves na activación e comunicación de alertas alimentarias. Isto é o que nos contou.

Nun mundo como o actual, con fronteiras esvaecidas e no que todo circula rapidamente, faise máis difícil o control ou requírense novos mecanismos?

Si, entendo que incrementaron as mostraxes e controis. Pero o mercado, aínda que pareza que é tan global, ao final non o é tanto, porque para comerciar na Unión Europea se lles esixe aos países terceiros implementar leis parecidas ás nosas. Non todo o mundo pode vender á UE senón que se autorizan países cunhas condicións concretas en canto a produto elaborado. É máis delicado o tema das materias primas, porque hai menos control no sentido de que hai menos operadores comerciais na cadea. Entón os controis tes que facelos no porto de entrada, nos PIFs (Postos de Inspección Fronteiriza), que son os responsables de garantir que os produtos entran en condicións. A Comunidade Autónoma só controla o comercio interior, os produtos que veñen de terceiros países dependen da Subdirección Xeral de Sanidade Exterior, que controla e mostra os alimentos que chegan.

Polas cifras que achega o seu departamento, destaca o feito de que Galicia ten unha porcentaxe alta en metais pesados en peixe, sendo orixe en 25 das 161 alertas rexistradas en España neste ámbito no ano 2012…

As alertas que teñen como orixe establecementos de Galicia normalmente implican outras comunidades autónomas. Sobre todo o mercado do peixe conxelado, que é moi viaxeiro, por dicilo dalgunha forma. É pescado nun caladoiro internacional por un barco de bandeira nacional, española. Trasládano a un colector e entra en España sendo un produto nacional que non ten controis en fronteira. Ese produto vai ao primeiro almacén frigorífico que ou ben o prepara e comercializa todo, cousa que non adoita acontecer, ou subhástao e é comprado por distintos operadores comerciais en diferentes destinos. Unha vez que o compra, o operador pódeo revender, fraccionar, separar, cortar… distribuílo a outro, ou a outros dous, ou tres ou cinco operadores comerciais, e estes á súa vez facer outro faenado sobre o produto… É dicir, que a un peixe enteiro, por poñer un exemplo gráfico, un operador lle quita a cabeza e as aletas, o outro a pel, o terceiro os lombos, etc… toda esa restra ao final acaba estando implicada en caso de alerta. Collo un toro de peixe aquí, identifico o buque, marea, lote e volta outra vez para ver todo o que se produciu dese peixe. Ao final están todas implicadas, sobre toda Valencia que ten moito almacén frigorífico.

Cales son os criterios para decretar unha alerta?

Son varios: o risco grave para a poboación, con independencia da orixe, e o produto está distribuído; en todas aquelas notificacións que involucran produtos procedentes do territorio nacional, e sempre que impliquen actuación inmediata da autoridade competente. Os criterios para cualificar esa alerta como de risco inmediato son a existencia de xermes patóxenos; que causase enfermidade; as biotoxinas mariñas; os riscos para poboacións afectadas por alerxia ou intolerancia, e a presenza de corpos estraños que poidan provocar afogamento ou traumatismos.

Contades con protocolos moi estritos, e só en casos excepcionais se fan públicas as alertas. En que casos?

España non fai comunicación activa dos expedientes de alertas que se xeran. Comunícase excepcionalmente, ben porque é suficientemente grave o risco que poida causar o consumo dese produto na poboación e hai que deter a súa distribución inmediatamente, ou ben porque é imposible retiralo do mercado, como aconteceu recentemente cun caso de leite contaminado. Tamén cando os medios de comunicación e a opinión pública esixen respostas, é dicir, por razóns de presión social e mediática, tal e como sucedeu co tema dos cogombros de Alemaña.

Entre a información que enviades sobre esas alertas e o que chega ao consumidor, cos medios de comunicación como intermediarios, dáse algunha alteración?

Temos o problema de que somos pouco cribles a priori, por ser administración. Unicamente tratamos de dar a información o máis concisa e clara posible. Que haxa interpretacións respecto de se nos escondemos algo ou non… cando notificas a posible existencia dun perigo o único que te interesa é que todo o mundo o saiba e o entenda, que se retire o produto e non se consuma, sen xerar unha alarma.

Deixa unha resposta