A voltas coa lingua

25/08/2015

O estatuto de Autonomía de Galicia establece que o galego e o castelán son os idiomas oficiais da nosa rexión e que “todos teñen o dereito de os coñecer o de os usar”. Advirte que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua e que os poderes públicos deben garantir o uso normal e oficial das dúas linguas mais potenciarán o emprego do galego “en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”. Así mesmo, disporán dos medios necesarios para difundir o seu uso e facilitar o seu coñecemento.

Un dos nosos dereitos básicos como consumidores é o de poder usar calquera das linguas oficiais de Galicia. Nun establecemento comercial un consumidor non pode ser discriminado ou atendido incorrectamente en razón da lingua na que se exprese. Porén, o establecemento non ten a obriga de atendernos en galego, pode elixir utilizar calquera das dúas linguas cooficiais. É unha opción empresarial e/ou persoal. As veces chégannos consultas sobre este tema; por iso queremos aclarar este punto: no tocante aos consumidores galegos, a única obriga que ten unha empresa na nosa rexión é a de dirixirse a un usuario nunha das dúas linguas cooficiais. A decisión de empregar o castelán ou o galego é algo que atinxe ao enfoque comercial de dita empresa.

A publicidade, as ofertas, as promocións ou as comunicacións comercias realizadas en Galicia pódense realizar en  galego ou castelán segundo estipula o artigo 46 da lei 2/2012, do 28 de marzo. A mesma lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias determina que a resposta a unha reclamación deberá realizarse na mesma lingua que aquela na que se realizou o contrato ou a oferta de contratación. Isto quere dicir que se o contrato estaba en galego a reclamación debe estar, tamén, en galego. A resposta, en todo caso, debe facerse nunha das dúas linguas oficiais.

A Administración autonómica ten a obriga de incentivar a utilización da lingua galega na oferta de compra, na información de carácter fixo e documentación, nas relacións entre os consumidores e destes cos ofertantes. Aínda así, seguimos atopando casos nos que esta normativa non se cumpre.

O galego na etiquetaxe

Con respecto ao etiquetado e presentacións dos bens e servizos, a lei establece que as indicacións obrigatorias do etiquetado e as presentacións dos bens e servizos comercializados no territorio español deben figurar en castelán.

No tocante a etiquetaxe de alimentos non envasados para a venta, dos envasados nos lugares de venta a petición do consumidor e dos envasados polos titulares de comercio ao por menor; a información obrigatoria e a relativa aos ingredientes alérxenos tamén deben estar en castelán. Aqueles produtos tradicionais elaborados e distribuídos de xeito exclusivo no ámbito da nosa comunidade autónoma poden etiquetarse en galego agás no relativo ás mencións específicas sobre ingredientes que ocasionen alerxias e intolerancias, esta información debe facilitarse en castelán.

Deixa unha resposta